Os dous autores recolleron en Teruel os galardóns que concede o Ministerio de Cultura nun acto presidido polos príncipes de Asturias
Os autores galegos Agustín Fernández Paz, autor do libro de relatos O único que queda é o amor (Xerais), e Justo Beramendi, pola súa enciclopédica historia do galeguismo político, De provincia a nación (Xerais), recolleron onte en Teruel os Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil e Ensaio respectivamente. Son, cada un pola súa banda, o noveno destes galardóns concedido a un título de ficción en galego e o primeiro que recibe un traballo ensaístico nesa lingua. En total, as letras galegas suman dez destes premios, once de contarse o que onte recibiu, entre outras editoriais, Libros del Asteroide, dirixida polo vigués Luis Solano.
A entrega celebrouse na igrexa de San Pedro de Teruel, e estivo presidido polos príncipes de Asturias, don Felipe e Doña Letizia, acompañados da ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde; o presidente do Goberno de Aragón, Marcelino Iglesias; o presidente da Deputación provincial, Antonio Arrufat; e o alcalde da localidade aragonesa, Miguel Ferrer.
Á parte dos autores galegos, recolleron os seus premios o escritor Juan Goytisolo (Letras Españolas), Juan José Millás (Narrativa), Miguel Romeo (Literatura Dramática), Fernando García de Cortázar (Historia de España), Paco Roca (Cómic), Miguel Martínez-Lage (Tradución), María Teresa Gallego Urrutia (Obra dun Tradutor), o programa ‘Autor, autor’ da Confederación de Libreiros Cegal (Fomento da Lectura) e as editoras Libros del Asteroide, Barataria, Global Rhythm, Impedimenta, Nórdica, Periférica e Sexto Piso (Mellor Labor Editorial Cultural).
Tamén recibiron os seus galardóns Esther Ferrer (Artes Plásticas), Bleda e José María Rosa (Fotografía), Fernando Mendoza (Restauración de Bens Culturais), Carles Santos (Composición musical), José Luis Temes (Interpretación musical), Juan Carlos Santamaría (Creación de danza), Javier Barón (Interpretación de danza), Atalaya-TNT (Teatro), Circo Gran Fele (Circo) e o Consorcio da Cidade Monumental Histórico-Artística e Arqueolóxica de Mérida e o Concello de San Cristóbal de la Laguna (Cidades Patrimonio da Humanidade).
“Non hai literaturas nacionais”
No seu discurso, o escritor Juan Goytisolo asegurou que “non hai literaturas nacionais españolas, arxentinas ou guatemaltecas; hai boa ou mala literatura no ámbito dunha lingua viva, creativa e vizosa falada por 450 millóns de persoas”. Logo de confesar que aos seus anos “a ilusión non existe, pero o humor si” restou importancia ao recoñecemento. “Se recibo un premio, dubido de min propio”, dixo o escritor, “pero se me declaran persoa non grata, sei que levo razón”.
Pola súa banda, o príncipe de Asturias, don Felipe de Borbón, explicou que os Premios Nacionais –que o Ministerio de Cultura concede dende 1976, menos o de Literatura Infantil e Xuvenil, que empezou en 1978– “aspiran a achegar un impulso aos laureados e tamén a contribuír para que ese exemplo de obra e vida se convirta en sementeira aos catro ventos dunha semente que, aínda sen perseguilo, florecerá mil veces en novas vocacións artísticas”.
Por último, nunha intervención na que non faltaron alusións a Teruel, a localidade que acolleu a cerimonia, o príncipe de Asturias asegurou que o acto de entrega destes galardóns, correspondentes á convocatoria de 2008, “permite celebrar a calidade e o vigor que definen en España todas as expresións que animan” a cultura española, “que xera esa enerxía vital, capaz de proxectar a todo o mundo, aos catro puntos cardinais, a realidade e a imaxe” do Estado español.

