A produtora do filme de animación anuncia que "investigará" o caso e que "tomará medidas" para "retirar" o vídeo propagandístico da circulación
A última ofensiva de Galicia Bilingüe contra o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a quen considera unha pedra no zapato do conselleiro de Educación, é ilegal. A plataforma que lidera Gloria Lago empregou sen permiso imaxes da película de animación Chicken Run: Evasión en la granja para elaborar un vídeo propagandístico contra a Guía de planificación lingüística da que Lorenzo é corredactor. Aardman Animation, a principal produtora do filme xunto con Dreamworks SKG e Pathé Pictures International, advirte agora de que “investigará” o uso desas imaxes nun contexto para o que non foron concibidas e que “tomará medidas”.
Internet non ten límites, sexa cal sexa a lingua que se empregue para navegar. Aínda que os servizos xurídicos de Aardman recibiron máis correos electrónicos dende Galicia alertando da utilización que se estaba a facer da metraxe do seu filme, foi unha mensaxe dende Saraievo a que finalmente os puxo sobre a pista.
O galego Jairo Dorado Castilla, tradutor e intérprete instalado dende hai un tempo na cidade bosnia, escribiu á produtora para amosar a súa preocupación ante a posibilidade de que a compañía, responsábel de películas tan “intelixentes” e “independentes” coma Chicken Run, puidese estar detrás da campaña desta plataforma contra o galego no ensino. A resposta da empresa, á que tivo acceso este diario, foi contundente: a utilización desas imaxes, sometidas a copyright, fíxose “sen permiso”, polo que a compañía se compromete a “investigar” o caso e a “tomar as medidas” necesarias para “retiralo” da circulación.
De momento, Aardman Animation xa tivo acceso ao vídeo de Galicia Bilingüe, que segue na internet. Na montaxe, elaborada pola propia Gloria Lago, segundo recoñeceu aos medios de comunicación no intre de poñela na rede ao dispor de calquera, pódense ler fragmentos da Guía de planificación lingüística que se emprega dende hai dous anos nos centros de ensino –comentados pola plataforma, claro– sobre imaxes da popular película de animación, cuxa banda sonora foi substituída por outra escollida, tamén, pola propia Lago.
O secretario xeral de Política Lingüística está a ser o albo das críticas de Galicia Bilingüe nas últimas semanas. Anxo Lorenzo, profesor da Universidade de Vigo e experto en sociolingüística e planificación lingüística, até agora considerado un profesional afín aos socialistas, cos que colaborou en distintos momentos, pasa por ser aos ollos de Galicia Bilingüe un verdadeiro atranco no labor da Consellería de Educación. Malia a que en non cuestionou o cerne da política da Xunta contra a lingua, isto é, a anunciada derrogación do decreto do galego no ensino e a implantación dun novo modelo sobre a base dunha dubidosa enquisa aos pais, Lorenzo non conta co prace de Galicia Bilingüe. n

