O titular de Educación acusa ao bipartito de apostar pola “imposición” do “monolingüismo en galego” nas aulas
Por segundo día consecutivo, o debate sobre os plans lingüísticos da Xunta volveu ao Parlamento e, con el, os momentos de sensible tensión no hemiciclo do Pazo do Hórreo.
Desta volta, unha interpelación da nacionalista Carme Adán foi o marco para que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, criticase con dureza a política lingüística do bipartito e reiterase a súa intención de facer pasar á historia a normativa vixente sobre o galego nas aulas : “A estas alturas –di– non pode ser unha sorpresa para ninguén que o Executivo vai derrogar o decreto”.
Despois de que a nacionalista citase as múltiples institucións que, como a Real Academia, o Instituto da Lingua Galega, sindicatos, asociacións de pais ou colectivos científicos, censuran o “gravísimo dano” que, di, as decisións da Xunta infrinxen á “implantación” e ao “prestixio” da lingua, Vázquez optou por respostar ao ataque.
Dende a tribuna, o conselleiro debuxou un escenario no que “a Xunta tende a man” para “erradicar o conflito lingüístico” despois de que “os galegos falasen cos seus votos” para “expresar que non compartía” a “política lingüística ao servizo dunha minoría nacionalista” que, ao seu xuízo, se concretou no decreto que regula dende 2007 o uso da lingua no ensino.
Sempre segundo o relato de Vázquez, as normas aprobadas por PSOE e BNG “apostaban polo monolingüismo en galego”. Esta “imposición”, di, derivou na “ruptura de consensos” e na “conseguinte aparición da conflitividade lingüística”. Así e todo, asegura Vázquez que, ata a entrada en vigor do novo decreto, a Xunta “cumpre sen restricións” a normativa actual.
“Mundo de matrix”
As palabras do conselleiro foron criticadas de xeito contundente polos grupos da oposición, que mesmo intercambiaron aplausos entre si mentres algúns deputados conservadores se abstiñan de facer o propio coa intervención de Vázquez.
No medio dunha evidente tensión nas bancadas –as protestas do nacionalista Bieito Lobeira foron respostadas cun “deixe de ladrar” polo conservador Javier Rodríguez Escribano–, Carme Adán censurou que o conselleiro “agoche o seu odio ao galego por tras do liberalismo”.
“Están –di a deputada do BNG–privando aos nenos de exercer a liberdade” e, ao tempo, explica, “vulneran a lexislación vixente”, “todo isto sen existir expedientes que acrediten ningún conflito lingüístico en ningún centro”.
En opinión da nacionalista, o novo Goberno e o propio Jesús Vázquez “quixeron construír un mundo de Matrix –ironiza–, un mundo paralelo no que viven e no que os que falan castelán están perseguidos”.
A mesma circunstancia, di, dáse no novo decreto infantil que aposta polo uso da “lingua predominante” entre os alumnos. A norma, di Adán, foi “modificada de forma preventiva” para evitar unha maior extensión da lingua galega.
Do mesmo xeito, Adán critica con dureza a enquisa entre os pais realizada por Educación, unha consulta “pouco rigorosa” e que mostra “un grande descoñecemento”. Así, exemplifica, a consellería realiza unha pregunta en torno a “materias troncais” cando “no ensino non universitario non existen”.
Pacto no 2007
Igualmente crítico se mostrou o voceiro do PSdeG, Guillermo Meijón, que apostou por “aportar memoria histórica, porque estamos cansos de tanta memoria histérica”, e lembrar os posicionamentos do PP en torno á lingua ata o ano 2007.
Neste escenario, Meijón suliñou que, ata que “o PP de Génova conseguiu mudar a opinión” dos conservadores galegos, os populares apoiaron, a través da entón deputada Manuela López Besteiro, o decreto que agora derrogarán
Nesa altura, explica o socialista, o PPdeG mesmo solicitaba que o bipartito “arroupase con orzamentos” a aplicación do Plan Xeral de Normalización, unha norma que, apunta, foi definida coma “un fito na historia da nosa lingua” polo Goberno de Manuel Fraga.
Con todo, Guillermo Meijón salienta que o decreto “tivo unha aceptación exemplar nas aulas” malia á “estratexia” desenvolvida polos populares, reflectida, di “por un relevante experto”, ao observar que “é o PP quen se está a separar do vieiro lingüístico para desgastar ao Goberno”. “Ese experto –remata Meijón– era o seu actual secretario xeral”, Anxo Lorenzo.
“Queren unha guerra”
Fronte ao rexeitamento da oposición, o PPdeG optou por un deputado de perfil galeguista, o lugués Agustín Baamonde, para arroupar a Vázquez, cun discurso, se ben máis ponderado, igualmente contundente que o do conselleiro.
Segundo Baamonde, socialistas e nacionalistas están optando por “entrar á provocación nun tema coma o da lingua, porque queren provocar unha guerra, e nós non queremos guerras co galego”

