O presidente da Academia di que os galardóns “non existen neste intre” e refuga pronunciarse sobre a súa continuidade
Os Premios Nacionais da Cultura Galega, creados pola Xunta de Galicia na pasada lexislatura e fallados por primeira vez en maio de 2008, aínda non foron convocados polo novo Goberno. A Consellería de Cultura, como informou onte este diario, está a estudar a continuidade dos galardóns, de cuxo futuro dará conta no Parlamento, en resposta a unha pregunta da oposición, o conselleiro responsábel, Roberto Varela. Os escritores agardan que se impoña a “sensatez” e os premios coñezan en breve unha nova convocatoria.
A xuízo do presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, membro do xurado e voceiro na primeira edición, os premios “non existen” mentres non estean convocados pola Xunta. Porén, a diferenza do que opina este catedrático de Historia Contemporánea da USC –“hóuboos e agora non os hai, nada máis que dicir”–, os escritores cren que os galardóns están aí e deben seguir convocándose “no mesmo formato e nas mesmas circunstancias”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), espera que se impoña a “sensatez” e que os galardóns, “totalmente asumidos pola sociedade galega como un recoñecemento ao labor dos creadores galegos”, volvan ser convocados como hai quince meses no que queda de ano. “A súa desaparición sería percibida polo mundo da cultura como unha agresión, e iso provocaría a inmediata resposta dos distintos colectivos implicados”, conclúe o escritor.
Os Premios Nacionais da Cultura, similares aos que concede a Generalitat de Cataluña pero peor dotados economicamente –15.000 euros cada un fronte a 18.000– e con menos categorías –dez fronte a 17–, foron creados o ano pasado pola Consellería de Cultura de Ánxela Bugallo con trece anos de retraso con respecto aos catalanes.
Na súa primeira edición, convocada en marzo de 2008, falláronse a finais do mes de maio. Os premiados, escollidos por un xurado composto por profesores e creadores de distintos campos, foron Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura), Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e cultura científica), Francisco Leiro (Artes visuais), Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e espazos públicos), Manuel Lourenzo (Artes escénicas), Margarita Ledo (Cine e audiovisual), Mercedes Peón (Música), o Museo do Pobo Galego (Cultura tradicional e de base), o Laboratorio de Formas (Iniciativa cultural) e a remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio cultural).