O conselleiro de Cultura informará da súa decisión a través do Parlamento, en resposta a unha pregunta da oposición
Os Premios Nacionais da Cultura Galega, creados o ano pasado pola Consellaría de Cultura, dependen de que o novo responsábel do departamento, Roberto Varela, tome unha decisión sobre a súa continuidade. Levan tres meses de retraso sobre o calendario oficial, pois o ano pasado foran convocados a través do Diario Oficial de Galicia (COG) o 24 de marzo, pero as dúbidas sobre o seu futuro seguirán sen despexarse até que o conselleiro responda no Parlamento a unha pregunta formulada pola oposición.
O veredicto pode chegar por escrito ou nunha comparecencia de Varela na Cámara. Nin sequera iso aclaran en San Caetano sobre uns galardóns que en 2008 fixeron pública a nómina de gañadores antes de que acabase o mes de maio. Estruturados en dez categorías, cada unha delas dotada con 15.000 premios, foron para Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura), Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e Cultura científica), Francisco Leiro (Artes visuais), Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e espazos públicos), Manuel Lourenzo (Artes Escénicas), Margarita Ledo (Cine e audiovisual), Mercedes Peón (Música), o Museo do Pobo Galego (Cultura tradicional e de base), o Laboratorio de Formas (Iniciativa cultural) e a remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio cultural).
O xurado, do que fora voceiro o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro Fernández, estaba integrado por profesores universitarios, representantes institucionais e destacados creadores procedentes de distintos campos da cultura galega: María Xosé Agra, Ramón Villares, Rosario Álvarez, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Manuel Buxán Bran, María Bouzas, Domingo Docampo, Laura Tato, María Isabel Fraga, Celestino García Braña, Ana Romaní, John Rutherford, Felipe Senén e Xurxo Souto. Cada un dos gañadores dos premios recibiu tamén unha peza do escultor ourensán Ignacio Basallo.

