A campaña electoral do PP conseguiu mudar a percepción do labor do bipartito, ata lograr que case a metade crea que foi “mala ou moi mala”
“Máis moderado nas escala ideolóxica e de nacionalismo que o votante medio do BNG”. Este é o retrato robot dos 41.242 votantes perdidos polo BNG nas eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo. Segundo unha enquisa realizada por Quadernas Consultoría para Xornal de Galicia, ata o 42,8% dos electores que apoiaron ao Bloque nas autonómicas de 2005 e non o fixeron o pasado 1 de marzo “autoubícanse nun nacionalismo moderado”, un perfil que se repite na “escala ideolóxica” entre tendencias de esquerda e dereita.
Atentendo aos datos do inquérito, mentres que o “votante medio” do BNG se sitúa nun 6,8 dentro dunha escala de 10 puntos para definir o seu grao de identificación co nacionalismo, os cidadáns que optaron por retirar o seu apoio á formación presentan unha media de 6,45, non chegando ao 6 algo máis do 40% dos enquisados.
Sen trasvase de votos
Este estudo demoscópico completa o perfil do votante perdido polo Bloque co dato referido ao destino final deses sufraxios, co obxectivo de coñecer se a base electoral que abandonou aos nacionalistas optou ou non por outras forzas.
Neste sentido, a enquisa deixa claro que apenas existiu trasvase de votos cara a outros partidos. Tendo en conta que o voto perdido polo BNG supón o 13,22% do apoio obtido en 2005, unha porcentaxe mínima –menos dun 4%– cambiou a súa opción política.
Mentres, o 8% dos enquisados que aseguran ter elixido ao Bloque nas eleccións de 2005, aseguran que optaron pola abstención o pasado 1 de marzo. Destes, case un 37% afirman no inquérito que non se senten “identificados” por “ningún” dos partidos en liza.
“Erros” do bipartito
Tanto no caso do BNG como, en xeral, no conxunto do electorado galego, a enquisa de Quadernas para este diario fai especial fincapé na percepción de “erros” e “acertos” da acción de Goberno do bipartito na Xunta.
En primeiro termo, o estudo salienta un aspecto xa destacado por diversos analistas tanto antes como despois dos comicios: o fracaso da política de comunicación do Executivo de Emilio Pérez Touriño.
Segundo as respostas dos enquisados, ata catro de cada dez cidadáns galegos con dereito a voto “recoñecen non saber” mencionar algún “acerto do bipartito”, algo que entronca directamente coa capacidade para facer callar a súa mensaxe demostrada, á luz dos datos, polo Partido Popular.
No caso dos conservadores, o inquérito subliña que, aínda que “durante practicamente toda a lexislatura, e ata xaneiro de 2009, todos os indicadores mostraban unha valoración maioritariamente positiva do labor do bipartito e os seus líderes”, esta tendencia comezou a mudar “rapidamente”.
“O PP –conclúe a enquisa– soubo aproveitar un contexto no que a crise se fixo máis patente” e “lanzar mensaxes simples pero de fácil chegada á poboación” no marco das dificultades económicas.
Esta afirmación das conclusións do estudo queda demostrada cos “dous principais” erros que os electores lle atribúen a PSOE e BNG: “enfrontamento” no Goberno –indicado por un 28,4% dos enquisados– e “despilfarro” ou “excesivo gasto público –cun 12,7% do total de inquéritos–”.
Percepción dos nacionalistas
Á hora de diagnosticar os erros no seo do Goberno, as respostas emitidas polos votantes que decidiron retirar o seu sufraxio ao BNG coincide tamén co perfil de “moderación” apuntado por Quadernas. Así, por exemplo, o estudo destaca que estes electores a “non critican a falta de maior confrontación” co resto de partidos, “senón máis ben todo o contrario”.
O inquérito detense tamén na percepción dos electores do Bloque Nacionalista Galego no referido aos “acertos” do conxunto das consellerías do Goberno bipartito. Neste caso, a creación das galescolas, cun 15%, as “políticas sociais en xeral”, que acadan un 11% e o labor no eido do medio rural –10,5%– encabezan a listaxe de logros.
Tamén as escolas infantís postas en marcha pola antiga Vicepresidencia da Xunta son o acerto máis valorado polos votantes que votaron por primeira vez ao BNG. Neste colectivo, as galescolas encabezan, cun 9,2%, o rexistro, seguido pola política lingüística –8,7 %–, a “política en materia de infraestruturas”, presente no 8,7%, e “as accións no eido social –8,4%–”.