O malo sempre é máis sinxelo de crer, solta Julia Roberts post coito. Pretty woman. Mesmo nela poden atoparse frases redondas. Pola mañá, El País cualificábaa cun cero. Nada que obxectar, se a crítica cinematográfica –a divulgativa– tivese o valor de aplicar sempre esa mesma vara. Fumigar ese filme resulta extremadamente sinxelo. O outro día detívenme en dilucidar onde reside a súa capacidade de sedución. Se se consegue traspasar o seu atrezzo contemporáneo e cambiar a fotografía de plástico a un anello branco e negro, non é difícil velo como un filme clásico. Todo nel é mentira, arquetipo, estilización, fraude, pero non é menos certo que esa mesma distorsión edificou a columna do –convencionalmente asumido e encomiado– cine clásico. O de Chaplin e Capra, o de certo Ford, Sturges, Lubitsch, Wilder e mesmo Casablanca. O cine como fiestra. Tíraste e todo flúe.
Houbo un tempo, entre os 80 e os 90, no que se quixeron subliñar as sinerxías entre alta e baixa cultura. Aquela efervescencia remitiu, salvo para algún despistado. Vivimos agora unha certa –cosmética– volta ás esencias, á gravidade, á raíz. Tendencia que, na música, empezou a entreverse coa americana e eclosionou co fenómeno do new weird folk ou a actual fascinación, infectada de colonialismo, por África. Onte e hoxe, dos mortos sospéitase menos. Os músicos, djs, críticos ou simplemente consumidores queren ser selectos, pero tamén divertidos, iconoclastas. Salferir un pouco de pementa kitsch na súa utillería. Marco díxome unha vez que o atrevido –o semántico, poderíase engadir– sería picar a horterada xusto cando se produce, non dez anos despois. Isto só adoita producirse –entre o desprexuizamento e unha mirada vertical, clasista– na comunidade queer e os seus aneis orbitais. A práctica habitual é que o canon funcione de xeito diferido, e incorpore, por abaixo, estandartes do pelotón do deosto. Xa se sabe, Abba son bos, pero agora. Que soará en todas as nosas festas do mañá?
