Falar de poesía xuvenil é entrar no esvaradío reino das inconcrecións –preguntas moi repetidas: que é a “poesía xuvenil”? E automáticas respostas: iso non existe– e dos tópicos –as mozas e mozos non len versos porque non os entenden e/ou porque non lles interesan–. Por iso, atopar un poemario dirixido especificamente a xente nova é un golpe de sorte, unha virazón do aire. Mais neste pequeno e sempre sorprendente sistema literario, ás veces existen os milagres. A colección ‘Fóra de Xogo’ de Xerais vén de sorprendernos con Makinaria de Carlos Negro, o segundo título de poesía –logo da magnífica antoloxía Poetízate de Fran Alonso, sempre recomendábel– dende a súa posta en funcionamento, alá por 1994.
Comecemos por desmontar os tópicos: hai unha parte da xente nova que se interesa –e non pouca– pola poesía e que acode, impaciente, ás “obras de adultos” para fornecerse deses textos, porque nas coleccións pensadas en primeira instancia para eles non hai espazo –ou non se creou– para poemarios. Se este foi un xénero tradicionalmente considerado coma minoritario, aínda o é máis nesa franxa lectora. Por outra banda, se se quere mudar esta dinámica, os primeiros receptores que habería que coidar son os que se están formando, achegándolles os versos como quen lles achega un cesto de saborosos amorodos cun único obxectivo: que non sexan quen de dicir “non”.
Se nos imos do lado das inconcrecións e das negacións ao redor da poesía xuvenil, atrévome a dicir que a súa existencia se pode sustentar, por un lado, na necesidade de acostumar, familiarizar e aprender no verso ao público –sexa este mozo ou non– que non rematou a súa andaina de aprendizaxe lectora. Alén disto, unha das súas características fundamentais sería a que a investigadora norteamericana Roberta Trites lle apón á literatura xuvenil: a capacidade para amosar como actúar e como negociar cos diferentes poderes sociais.
Makinaria encaixa perfectamente nesas dúas coordenadas. Pola súa narratividade, case explicativa, xurdida dun mesmo centro temático que convida a situarnos no marco do culto á velocidade e ao tunning, cinguido á tradicional e tan asentada inconsciencia da mocidade –e aquí a Negro resúltalle complicado refugar deste pensamento–; e tamén por unha certa irreverencia que obriga a eses eu líricos que se condensan nun só –o do mozo que ama as estradas e o risco por enriba de todo– a (con)vivir e negociar con diferentes forzas da colectividade, maiormente coa familia. Esa loita polo poder de decidir vólvese central nun poemario en que a reflexión, ausente nas primeiras partes do mesmo, fire como unha puñada no estómago nas dúas últimas, de singnificativo título: “061” e “Game over”. A conexión co lectorado xuvenil é procurada a través da utilización dunha linguaxe coloquial adolescente e de referentes culturais que se estenden á música (algúns poemas semellan cancións de hip hop, sen esquecer as referencias ao rock máis canónico, como Springsteen, ou as composicións electrónicas de Red Zone), ao cine (Fast and Furious) e aos videoxogos (Need for Speed, Power Racing), sempre perfectamente vencellados co principal alicerce temático da obra.
Porén, baixo a apariencia de culto á velocidade combinado (e aquí simplifico un chisco) cun aire de sexo, drogas e rock and roll, estes poemas agochan unha ventada de nova poesía cívica. Porque a forza dos últimos poden, en calquera momento, funcionar como a chave que abra unha consciencia e porque a dedicatoria dos mesmos “Aos mozos e mozas de Dodro, para que cheguen a vellos” parece tamén desvelar esa intención. O epílogo de Rosa Aneiros afonda neste sentido da obra –namentres facilita a súa comprensión–, lembrando a un lector implícito adolescente ao que se dirixe directamente que “a poesía fuxiu do Parnaso a golpe de acelerador para contarche que oxalá ti poidas contárllelo ao que veñan”.
É tan curioso coma significativo –polo sentido que se lle outorga ao adxectivo “xuvenil” na literatura– que sexa un poemario que fale das consecuencias da velocidade e dos excesos, cun subtilísimo moral, o que se publique nunha colección para a mocidade. Mais, pese a todo, Makinaria é unha ventada de aire fresco. Oxalá sople moito e ben, e lle lembre a este país de poetas que os novos tamén precisan poesía. Coma quen come pan.
