Praias de tinta e letras

Como cada verán, o mellor é acompañar o descanso estival dun bo libro co que gozar, introducíndose nas súas páxinas detidamente e sen a celeridade da vida laboral diaria. Velaquí algunhas recomendacións de diversos críticos literarios e escritores galegos, que destacan a boa saúde da poesía do país coa obra de Carlos Negro para nenos e a capacidade desconstrutora dos relatos de Alberto Lema

Víctor Paz Morandeira Actualizado 19/09/2009 - 02:08 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 3 voto/s

As colleitas literarias de cada ano caracterízanse por ter uns nomes destacábeis e, habitualmente, van acompañados dunha tendencia. Desta volta, o que se tira de facer unha sondaxe entre os escritores e os críticos galegos é que unha das mellores formas de ler na praia é cun libro de poesía na man, a poder ser de Carlos Negro, que está a ser toda unha revolución entre os literatos polo seu estilo fresco e desenfadado ao tratar un tema nada doado e cun público en mente ao que normalmente non lle dá por ler poesía: o infantil.


Montse Pena considera que Negro é rara avis no sector. “Non é moi habitual atopar un poemario xuvenil”, explica a crítica, que cre que o escritor creou un estilo en Makinaria (Xerais) “narrativo, un chisco explicativo, con algo de didactismo, que introduce unha nova poesía social”. Pola súa banda, a premiada escritora Rosa Aneiros, colaboradora de Xornal de Galicia, ve na obra “unha aposta poética diferente” e resume a súa razón de ser nunha frase: “Na poesía ten que entrar a vida, e tamén a velocidade”.


Neste elemento, a celeridade, parecen centrar o seu interese os persoeiros consultados. Non é por nada. A sinopse do libro xa o avanza: “É unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos”, que conta a historia dun rapaz de quince anos que gusta dos coches e a música de Bruce Springsteen e o máis suave que escoita. A obra permítese estudar “as consecuencias que o mozo causa na súa contorna”, di Montse Pena, polo que se coloca como fábula sobre a tola adolescencia que se agolpa nas discotecas das vilas nas fins de semana, conducindo a cen por hora baixo os efectos das drogas cara ao seu lugar de lecer.


Quizais esta é tamén unha obra que recolle as dúas facetas máis desenvolvidas da literatura galega. Por unha banda, unha temática e estilo apropiados para a xente moza, e pola outra, unha poesía moderna que se produce a moreas, pero que non semella saír dos círculos intelectuais.


A esperanza da lírica

Pero sempre quedan algúns autores que teiman en demostrar que os versos son tan válidos como os parágrafos. O escritor Francisco Fernández Naval di ter quedado “gratamente sorprendido” por dúas obras de dous autores que veñen de entrar no panorama literario, o que evidencia que existe un forte relevo xeracional. Cita O pouso do fume (Espiral Maior), de Dores Tembrás, e Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. En castelán, fala da recente tradución dos poemas de amor de Anne Sexton –en Ediciones Linteo– e a antoloxía de Silvia Plath –dispoñible en Visor–, a primeira poeta en ter gañado un premio Pulitzer póstumo.


Pero se hai un poemario que o gremio da literatura está desexando ler, se non o fixo xa, é o de Chus Pato, Secesión (Galaxia), que a coordinadora de ProTexta, Ana Salgado, define como “unha guía de lectura dos seus libros”, ademais dunha valente aproximación a Auschwitz, que indaga nesa taxante afirmación que Adorno fixera sobre o tema: “Despois de Auschwitz non se pode escribir poesía”. Pato demostra que se trabucaba, facendo unha reinterpretación da historia coa que avanza un paso máis na súa abondosa obra literaria, “moi na liña do pensamento de esquerdas”, recorda Salgado, como vén sendo, por outra banda, normal na súa dilatada traxectoria.
Á súa vez, un autor portugués cóase no país, recollendo o XVI Premio de Poesía Espiral Maior. A editorial publica en Galicia Açougue, “libro de alto nivel poético que, cunha estratexia autobiográfica mais extremadamente simbólica, mostra unha visión diseccionadora e impúdica dos máis relevantes acontecementos persoais”, segundo o propio poeta Alfredo Ferreiro, recomendado por Fernández Naval.

Sempre narrativa

Porén, as novelas e relatos volven superar en número as recomendacións poéticas. E, de novo, semella haber un grande protagonista na literatura galega. Este é Alberto Lema, co seu Sidecar (Galaxia), dous relatos que dan continuidade a Unha puta percorre Europa, e que “evidencian unha escrita áxil, en diálogo coa contemporaneidade e coa fina integración dun humor que non está nada próximo á corrección política”, indica o crítico literario Isaac Lourido, quen cre tamén que a traxectoria deste escritor “desenvolve a posibilidade dunha escritura política mais non intelectualizada, non recargada teoricamente”.


Tampouco lle faltan eloxios de Ana Salgado, que destaca a capacidade de Lema para “desfacer os lugares comúns da ficción” e recomenda encarecidamente o capítulo “Femme fatale”, que, segundo ela, resume un libro que trata de amor e aprendizaxe na xuventude de hoxe.


A Letra E e o Premio Nacional volven poñer a Agustín Fernández Paz no centro da escena literaria. O crítico Martin Pawley di del que “a súa importancia no sistema literario galego é fundamental” e destaca a novela Lúa do Senegal (Xerais), sobre unha nena africana que viaxa a Vigo para estar coa súa familia emigrada, pero que non se termina de adaptar á mentalidade europea. Pawley resalta a súa “boa estrutura, a bondade e o humanismo” dunha obra clasificada para maiores de dez anos, sobre o que el advirte: “Iso quere dicir que, a partir desa idade, calquera pode lelo”. A mesma opinión ten Rosa Aneiros, que cita este libro xunto a A praia dos afogados (Galaxia), de Domingo Villar, e Monte Louro (Xerais), de Luís Rei Núñez, como as obras galegas que se deberían ler este verán.


Tamén cita a unha das protagonistas do ano, a xornalista mexicana Elena Poniatowska, que veu os seus relatos de A filla do filósofo traducidos ao galego logo de serlle concedido o título de Escritora Galega Universal. O volume está cheo de paixón amorosa nun ambiente urbano e burgués e, como en toda a obra da latinoamericana, hai unha crítica despiadada á sociedade corrupta na que lle tocou vivir. Segundo Aneiros, que traduciu un dos textos que compoñen este libro de relatos, “a experiencia pareceume moi interesante”. Di dela que é “unha grande señora das palabras” e que este volume “permite coñecer outros traballos” desta grande escritora latinoamericana.
O mesmo mérito ten para Francisco Fernández Naval, que ao evocala recorda unha das súas máis recentes lecturas, El hombre sin cabeza, de Sergio González. “Describe moi ben a situación mexicana, cos mecanismos terríbeis de corrupción que hai nesa sociedade”, di, e recoñece nela “moito xornalismo” ao estilo de Rijkaard Kapuscinski.


Existen ademais outras obras narrativas, mencionadas en menor medida, pero tamén salientábeis. Doris Lessing segue a ser unha referencia e O caderno dourado é unha das traducións que máis se cotizan. Segundo Montse Pena, “a narración está feita de xeito demorado, denso” e di tamén que se desprende dela “un ideario humanista moi interesante”. Destaca a maiores a crítica que introduce o texto, o que achega un novo valor á edición de Galaxia.
A perspectiva desde a porta (Positivas), de Patricia Janeiro é, pola súa banda, unha das recomendacións que fai Lourido. Di da autora que lle interesa moito a súa narrativa e que é valiente ao se estrear cunha “narración longa, cunha novela de contido político”. Explica que “revisa de forma crítica o pacto da Transición, á luz dos procesos de criminalización do movemento independentista galego nos últimos anos” e opina que estes “son discursos e temas escasamente transitados na literatura galega, que nos poñen alerta sobre como estamos construídos socialmente”.


Pola súa banda, Pawley non deixa de se sorprender con Atxaga. En Sete casas en Francia (Faktoría K), “cambia de rexistro e deixa o mundo telúrico de Obabakoak para construír un conto moral sobre o mal”, indica este crítico, que sempre recomenda a lectura do autor vasco.

Os xéneros perdidos

Pero non todo ía ser narrativa. Os críticos e escritores consultados tamén recomendan outros xéneros, aínda que aquí non se chega a consenso e as propostas son moi variadas, normalmente dependendo do gusto e da especialidade de cada un.


Pena, especializada en crítica literaria infantil e xuvenil, non pode deixar de mencionar a colección de teatro infantil da editorial Baía. Para a crítica, é moi importante que “de súpeto saian varios títulos dun xénero que non é moi habitual que se edite para o público infantil”, opina. Tamén recomenda, nunha liña moi distinta, “a excelente biografía de Luis García Montero sobre Ángel González”, Mañana no será lo que Dios quiera. Di dela que “mestura a ficción con datos reais nunha estrutura novelada moi ben escrita, moi intersante e poética”.


Outra biografía, a de Ron Wood, Memorias de un Rolling Stone, é a que cita María Lado, poeta e crítica especializada en banda deseñada que recorda que tamén existen novelas gráficas dignas de levar á praia. Quizais Catálogo de novedades Acme, de Chris Ware, non sexa a máis adecuada para ler na area, pero de seguro que se lle pode sacar proveito nunha terraza. A crítica opina desta obra, que revolucionou a linguaxe gráfica, que a súa compra é aproveitábel e que “dá para ler todo o verán”. Destaca a capacidade de Ware para “introducir elementos propios da publicidade, como xa pasaba en Jimmy Corrigan” e conclúe que é “unha xenialidade”.


E para quen prefira o manga, recomenda Historias color tierra, de Kim Dong-Hwa, que na liña de Jiro Taniguchi conta “unha serie de relatos dunha moza chinesa e a relación coa súa nai, da nenez á adolescencia”. Destaca da obra, que se edita en volumes –vén de saír o terceiro–, a súa sensibilidade en todo momento, “a pesar de estar escrita por un home”, bromea.


Deixándose levar polo pracer visual, Martin Pawley tamén recomenda unha obra que está a medio camiño entre a ilustración e o conto infantil, O incrible devorador de libros, de Oliver Jeffers, o primeiro libro publicado pola novísima editorial Patasdepeixe. “A edición é marabillosa”, di, pero aínda máis importante: “Logra falar do pracer pola lectura sen ese ton sermoneador, cristián, de homilía e ñoño que é tan habitual neste tipo de libros”. En definitiva, apréciase a súa “actitude gamberra”.


E se un quere ensaios, filosofía ou obras epistolares, a Ana Salgado hai que recorrer. Destaca Cartas no exilio, que recolle “a correspondencia entre María Casares e o seu pai, Santiago Casares Quiroga”. Chama a atención “unha relación epistolar fóra do común, moi próxima entre pai e filla na época”, di a coordinadora de ProTexta.


En filosofía, ten de cabeceira a Slavoj Žižek e o seu Sobre la violencia, que saca a coalición porque di que “é unha verdadeira reflexión sobre o uso estrutural da violencia, pretendidamente neutral, moi aplicábel aos nosos conflitos diarios, como o do metal”. Finalmente, Ferreiro recomenda Historia contemporánea da destrución da natureza en Galiza, de Xurxo Pérez Pintos, “un libro de fácil lectura e datos impactantes e esclarecedores sobre por que non somos capaces de manter a natureza en parámetros aceptábeis nun país minimamente desenvolvido”. E tamén A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, de Manuel Forcadela, “un estudo ameno cunha perspicaz ollada sobre a obra de Cunqueiro”, di o escritor.

 

Makinaria, de Alberto LemaMakinaria
Carlos Negro
Xerais, 2009
82 páxinas
10,45 euros

 

 

 

 

A filla do filósofo, de Elena PoniatowskaA filla do filósofo
Elena Poniatowska
Galaxia, 2009
142 páxinas
14 euros

 

 

 

 

Sidecar, de Alberto Lema

Sidecar
Alberto Lema
Galaxia, 2009
192páxinas
12,90 euros

 

 

 

 

Catálogo de novidades AcmeCatálogo de novedades Acme
Chris ware
Mondadori, 2009
112 páxinas
24,90 euros

 

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.