Nado en Burgos en 1907, Victoriano Crémer seguía sendo un xornalista –no Diario de León aínda se publicará hoxe a súa columna, cun artigo dedicado ás fichaxes estrela, titulado Bien pagado– de carácter vivo, bromista e cascarrabias que perdurou ata os seus últimos días.
Fillo dun ferroviario, Crémer chegou a León nos seus anos de infancia e xa non abandonaría esta cidade, na que foi vendedor de xornais, dependente dunha farmacia, tipógrafo, poeta e –sobre todo– xornalista.
Con González de Lama e Eugenio de Nora fundou na difícil etapa de posguerra revista Espadaña, que sería o gran viveiro que activaría a literatura leonesa, e na que se publicaría tamén a obra de poetas como Neruda, Vallejo e Blas de Otero.
Para o catedrático de literatura José Enrique Martínez, hai dous Crémer esenciais. Un é o poeta. “A poesía de Cremer vai moito máis alá de Espadaña, porque hai que recordar que a revista só estivo activa ata 1951, e o escritor estivo escribindo ata os seus últimos días”, afirmou este catedrático, profundo coñecedor do autor. O outro é o xornalista, cultivado dende moi novo, e que se sintetiza en máis de 25.000 artigos en 88 anos de colaboracións – recibiu aos cen anos a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo pola súa constancia–.
O autor enviaba todos os luns un conxunto de cinco crónicas para ir distribuíndo na columna Crémer contra Crémer, unha tarefa que nunca abandonou, ata cando hai días foi ingresado no hospital, momento no que recomendou á enfermeira que activase a medicación porque tiña que escribir unhas crónicas.
Deixou tamén bastante obra poética, dun ton social e existencial, dende 1951 con Nuevos cantos de la vida y esperanza ata 2009 con Los signos de la sangre, unha magna recompilación poética da súa obra, que acumula 1.500 páxinas.
Autor polifacético, Crémer estaba escribindo agora unha novela, e ten aberta nestes intres unha exposición con trinta debuxos, titulada Garabatos y manuscritos de Crémer.
Ao longo da súa vida, o escritor castelán obtivo numerosos galardóns como o Nacional de Poesía Leopoldo Panero, o de Castela e León das Letras, León Felipe e o Gil de Biedma de Poesía.

