Foi unha das palabras máis repetidas polo presidente da Xunta de Galcia, Alberto Núñez Feijóo, que logo de entregar as Medallas Castelao aos cinco galardoados, usou as súas traxectorias para lanzar unha mensaxe de “galeguismo conciliador” e “maioritario”, explicitando que “non hai unha forma única de entender o amor á terra”. Citou a investidura de Albor, primeiro presidente da Xunta, no mesmo lugar dende onde el estaba a dar o discurso, ao lado do Panteón dos Galegos Ilustres, e recordou que o seu antecesor dixera: “Son castelán falante. Foron homes como Piñeiro ou Pedrayo os que me introduciron nun galeguismo cordial”. Rematou facendo alusión á “templanza desta estirpe de homes” como exemplo dunha actitude “sen rencores”, de unión.
