Como cada ano, dende hai agora un cuarto de século, a Xunta de Galicia recoñece a traxectoria profesional dos galegos que máis fixeron pola cultura do país alén das propias fronteiras. É a segunda vez, ademais, que a entrega se oficia na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Panteón dos Galegos Ilustres, nun acto simbólico de “agradecemento aos nosos referentes, que guiarán as xeracións futuras”, recordou a presidenta do parlamento galego, Pilar Rojo, abrindo a cerimonia.
Os galardoados, en diversas áreas do coñecemento, foron Tarsy Carballas, investigadora centrada no combate contra os incendios forestais; o xefe do departamento de Medicina Interna do Chuac, Fernando Diz-Lois; Luciano García Alén, fundador do Museo do Pobo Galego; o principal tradutor de chinés que ten Galicia, Fernando Pérez-Barreiro Noia; e o xornalista e escritor ourensán Marcos Valcárcel, a quen se lle recoñeceu “unha vida dedicada á cultura”.
O acto comezou coa presentación por parte de Rojo do evento, deixando paso a Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia, que leu a acta pola que se aprobou en consello da Xunta o recoñecemento aos cinco galardoados. A presidenta do parlamento retomaría a palabra para resaltar as razóns polas que se concedían as medallas a cada un dos homenaxeados. Ao tempo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi facendo entrega dos galardóns.
EMBAIXADORES DE GALICIA
Tocoulle ao tradutor Pérez-Barreiro Noia falar en nome de todos os distinguidos coa Castelao. Destacando tamén a relevancia de se atopar nun “lugar privilexiado”, pasou a enumerar as características que fixeron de cada un deles merecedores da recepción da medalla.
“A dedicación a Galicia, ao solo, ao humus, á alquimia e á ciencia mesma”. Foi o que dixo que simbolizaba Tarsy Carballas, coñecida polo seu “rigor e axuda práctica”. De Diz-Lois, resaltou que ficara no país, aínda cando obtivo boas ofertas no estranxeiro, quedando aquí para crear “a mellor formación de asistencia médica do país”.
A Luciano García Alén agradeceulle que, coa axuda do seu irmán, “recollera unha importante documentación de alfarería popular”, ademais de fundar o Museo do Pobo Galego, “veciño desta igrexa”, comentou. Pero foi a Valcárcel a quen dedicou máis eloxios. “Cultivou tantos eidos da cultura que non teño tempo para citalos todos”, dixo, destacando del a súa capacidade para “crear a redor del un tecido de agarimos nada frecuente”.
UN PAÍS HETEROXÉNEO
O acto pechouse co himno galego e a foto de familia, pero antes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu un discurso que trascendeu o acto para falar de “galeguismo cordial” e “conciliador”, do “común desexo de seducir coa palabra”, aínda cando as ideoloxías sexan moi distintas. O popular puxo de exemplo a Martin Luther King, a Nelson Mandela e a Mahatma Ghandi e, como non, a Barack Obama.
Sobre os galardoados, case ao final, explicou que todos fan gala dese tipo de galeguismo que estaba a definir, que representan o mellor de Galicia no mundo e que, “como os que repousan no Panteón, viven xa na nosa memoria”.

