A situación do galego na Administración cobrou se cabe máis relevancia nos últimos tempos logo de que a Consellería de Facenda impulsase a reforma da Lei da Función Pública que eliminaba a obriga de que os opositores realizaran, ao menos, un examen en lingua galega. A desculpa que deu a conselleira, Marta Fernández Currás, na súa comparecencia no Parlamento é que en determinados ámbitos o requerimento inicial do galego facía que “se perderan” grandes profesionais, e puxo como exemplo o ámbito sanitario. Desde a oposición denunciouse que a eliminación do galego nas probas de acceso á Función Pública sería moi prexudicial. De novo, púxose o exemplo da Sanidade. O deputado do BNG, Bieito Lobeira denunciou en varias ocasións a falta de coñecemento do galego por parte duns profesionais que, “na maioría das ocasións, teñen que atender a doentes de idade avanzada, que se expresan en lingua galega”.
