María Reimóndez: “Os piratas eran curiosamente democráticos”

A autora presentou onte en Vigo a súa novela, ‘Pirata, un relato sobre a identidade
Xornal.com Actualizado 13/07/2009 - 02:04 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 1 voto/s

Escritora, cooperante, tradutora, feminista convencida e e colaboradora habitual de Xornal de Galicia, María Reimóndez presentou onte en Vigo Pirata, a súa terceira novela, unha reflexión sobre a identidade individual publicada por Edicións Xerais. Tras o éxito do seu anterior traballo de narrativa para adultos, O club da calceta (Xerais, 2006), Premio Arcebispo de San Clemente 2007 e adaptada ao cine, e ao teatro, regresa agora con esta obra na beira da literatura de xénero, sobre as personaxes históricas de Anne Bonney e Mark Read.

 

Que a levou a narrar algo tan diferente do seu estilo habitual como unha historia de piratas?

Quen en realidade non é unha historia de piratas, senón un pretexto para falar doutras cousas. O que me interesaba dende o punto literario era subverter a literatura de aventuras, un xénero habitualmente masculinizado, polo que fixen algo que é en parte unha novela de piratas, e tamén unha novela histórica, pero ten moitas outras facetas.

 

Cal sería a principal?

Pois, explicándoo para non desvelar moito a trama, é un relato sobre a identidade, ou máis ben sobre as identidades, a persoal, a de xénero, a de clase. Conta como un personaxe descobre que, pese a estar mediatizado pola súa contorna, pode liberarse se entende que a súa identidade non é fixa, senón que pode cambiar e flutuar. É algo que aprende nun barco pirata, nas marxes da sociedade.

 

Unha escola dura...

Ben, eles estaban á marxe por moitas cousas, non só por ser uns delincuentes. Na época na que transcorre o libro, no século XVIII, a sociedade británica –na que se ambienta a novela– era moi ríxida en termos de clase, e estaba marcada por feitos como a colonización, a escravitude ou a rixidez das clases sociais, así que un barco pirata era un espazo para saír de moitas desas cuadrículas, do que se beneficiaban persoas de clase social baixa rexeitadas polos outros estamentos.

 

Logo, das lendas de piratas, aproveita o tópico da liberdade?

Si, pero é non esa liberdade idealizada dos poemas románticos. Do que eu falo é de que a maneira de vivir dos piratas transformou logo as normas sociais. Os barcos rexíanse dun xeito curiosamente democrático, antes de alistarse os mariños xuraban uns estatutos que eran inviolables e incluían puntos como que, se alguén quedaba sen un brazo ou unha perna nunha abordaxe, recibiría máis botín como compensación, o que viña sendo un seguro de invalidez. Tiñan unha maneira de relacionarse antagónica coa súa sociedade, pois naquel tempo que maldicir ao rei era un delito de cárcere.

 

Entón, que rescatou do seo da literatura de xénero?

A función de entreter, xa que me gusta ler libros que me abran portas pero que me resulten agradables. E unha parte moi importante deste libro é que o pasei moi ben escribíndoo, e agardo que o mesmo lle pase ao lector. Aprendín moito de mergullarme nun universo que pensamos que coñecemos pero logo resulta que non tanto, e de usar unha linguaxe que non era habitual na miña literatura. En fin, que aínda que non lin moitas novelas de aventuras, coñezo as súas estruturas, que son marcos cos que cada quen pode facer o que mellor lle pareza. Por iso hai super bestsellers que en realidade transmiten uns contidos sociais moi significativos. É unha vantaxe da literatura actual, que xa sufriu moitas revolucións, porque se fora nos tempos da novela, un soneto tería que ser un soneto por forza (ri).

 

Non tiña ningún relato de aventuras en mente ao escribir Pirata?

Ao basearme en feitos reais, non fun ás novelas de aventuras, fun á historia. Busquei en libros e documentos históricos para construír o relato, que segue moi fidedignamente os episodios que se sabe que protagonizou a xente que sae no libro. Porque os máis dos que aparecen con nome e apelidos no libro teñen unha entrada na Wikipedia.

 

Dicía que lle resultou difícil a linguaxe que tivo que empregar nesta novela. Foio pola recreación histórica?

Non, non me esforcei en imitar a lingua da época, porque este é un libro contemporáneo, aínda que teña unha envoltura histórica, e porque case non existen testemuños do galego que se falaba no século XVIII, así que habería que improvisar unha linguaxe arcaica e non quixen. Teño lido novelas históricas en castelán nas que se imita a fala da época e non me gusta nada o efecto, e moito menos se o teño que inventar. O que me resultou un desafío en Pirata foi describir o contacto co mar, e coa forma de vivir daquela época cos termos específicos.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.