Máis de douscentos expertos de varios países participarán a mediados de xullo nun congreso internacional sobre a cultura galega, anunciou onte a Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Trátase do seu noveno congreso e do primeiro que se organizará en Galicia, xa que os anteriores se desenvolveron en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Cuba, Brasil e Cataluña.
O presidente da AIEG, Burghard Baltrusch, indicou nunha rolda de prensa que hai 209 investigadores inscritos, dos cales vinte son de Estados Unidos, quince de Brasil e outros do Reino Unido, Rusia, Italia, Francia, Alemaña, Portugal e doutras comunidades autónomas.
A reunión desenvolverase do 13 ao 17 de xullo en Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, co apoio dos municipios desas cidades, así como da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, apuntou Baltrusch, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo.
Entre os temas que se analizarán ou debaterán figuran cuestións sobre dereito, política, economía, estudos culturais, linguaxe e literatura, entre os que salientan unha conferencia inaugural sobre a cultura galega no contexto da globalización. Tamén haberá unha conferencia sobre as perspectivas económicas, debates sobre o patrimonio arquitectónico, feminismo e filosofía, historia ou cine, e incluso unha sesión sobre cultura galega na internet.