Francisco Fernández Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, fixo públicos onte os resultados da analítica do vertido que o pasado 24 de xuño arrasou a fauna do río Barbaña. A Fiscalía de Ourense asignoulle ao Seprona unha investigación sobre o acontecido, para dar cos responsables deste desastre ecolóxico.
¿Cales foron as causas exactas do vertido do pasado 24 de xuño que afectou ao río ourensán?
Despois de obter os resultados chegamos á conclusión de que se trata dun vertido grave. O que máis nos chamou a atención é que o PH da auga éra demasiado baixo. Analizamos tres tramos do cauce, que demostraron que os niveis oscilaban entre o 2,8 e o 3, cando o nivel normal é de 7. Tres días despois do vertido o PH recuperou os seus niveis normais. Ademais, apareceron índices moi elevados de concentración de metais pesados. Sirva como exemplo que os niveis de manganeso rexistrado no punto do vertido eran 378 veces superiores ao nivel de concentración normal. Cinco días despois, eses metais recuperaron os parámetros normais, anque a presenza de amonio segue sendo moi elevada.
¿A que é debido?
Non o sabemos, pero os niveis de amonio na zona aínda son moi altos. Todo parece indicar que isto se debe a que a depuradora do Concello de San Cibrao das Viñas resultou afectada e non puido purificar debidamente a auga. É unha das posibilidades que barallamos neste caso.
¿Como lle afectou isto á fauna?
Morreron uns 17.000 peixes, foi terrible. Ademais, foi algo moi doloroso para todos os cidadáns de Ourense. E aínda máis se temos en conta que o Barbaña, que estaba en moi mal estado, é un río urbano que se empezou a rexenerar a partires dos anos 60, e había un importante traballo que se viña desenrolando desde hai moito tempo. Por iso o golpe foi aínda maior. Porque o río Barbaña está morto, quedou arrasado tras o vertido. A vida nas súas augas resultou moi afectada.
¿Actuouse con celeridade?
Coido que si. O día 24 fomos alertados polo 112, que ao parecer foi avisado por un veciño da zona, e puxémonos mans á obra de contado. Tardamos moi pouco en ter todos os resultados das analíticas. E desde o principio estivemos en contacto co Seprona.
¿Que vai acontecer agora?
A Xunta, polas súas competencias, debería encargarse de efectuar unha repoboación coas especies que había. Nun prazo de ano e medio podería rexenerarse a vida piscícola, para que fora coma antes do desgraciado vertido. Ademais, temos pensado investir, con cargo ao Plan E, varias actuacións no Barbaña, valoradas en 333.000 euros, para limpar a zona, extraer os sedimentos de metais do fondo e retirar tres presas ao paso do río polo centro de Ourense.
¿Por que pensan quitar esas presas?
Porque iso aumentaría a permeabilidade do río, e permitiría que a vida do Miño se transmitira ao Barbaña. Nuns meses comezarán as obras.
A Fiscalía vai iniciar unha investigación sobre o acontecido.
Si, sabemos que lle vai encargar ao seprona unha investigación a fondo, porque isto podería ser un presunto delito ambiental. E parécenos que o responsable legal do vertido é o Concello de San Cibrao das Viñas, pola ubicación do polígono industrial. Case todos os polígonos industriais de Ourense ubícanse aí, que é onde tamén está a depuradora Pero será o Seprona o que depure responsabilidades, para chegar ata o responsable último .
O pasado día 26 houbo outro vertido en As Pontes, ¿non hai demasiadas industrias contaminantes en Galicia?
Sempre hai demasiada contaminación, pero Galicia non está moi industrializada e, ademais, somos a comunidade de España que máis ríos ten. Así que aínda que nos preocupen moito os vertidos, esta zona non é das peores. Non hai moitos e temos moita capacidade de recuperación. E as nosas augas teñen unha gran calidade.
¿Cal é a zona máis afectada de Galicia?
Na Confederación Miño-Sil tiñamos como punto negro a parte entre Tui e Porriño, en Pontevedra, no río Louro, e en breve colocaremos unha depuradora. Vanse dedicar máis de 100 millóns de euros a solucionar eses problemas.
¿E cal é a zona máis saneada?
Hai moitas, o ámbito onde pervive a agricultura tradicional, que non prexudica ao medio ambiente. As montañas de Ourense e de Lugo.

