Os deputados socialistas que mantiveron a entrevista, primeiro cos representantes de Galicia Bilingüe, e logo cos voceiros da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e de Dinamización Lingüística, fixeron onte un chamamento á Xunta “para que se volva ao consenso”. O PSOE galego enviou un comunicado no que informou das dúas reunións, “nas que as distintas posicións sobre o idioma foron expostas con cordialidade”. Aínda así, só salientaron “o amplo nivel de coincidencia cos argumentos expostos polos equipos de normalización lingüística para conseguir que ao remate da educación obrigatoria os alumnos coñezan as dúas linguas, así como a necesidade de contar coa comunidade escolar”. Igualmente, os socialistas galegos incidiron na necesidade que a Xunta de Galicia “volva ao consenso en materia lingüística, a través de instrumentos xa consensuados, como son a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua”, iniciativas aprobadas por unanimidade.
