A vicepresidenta económica do Goberno, Elena Salgado, sitúa as súas propostas de financiamento para Galicia “moi lonxe” do 7,1 por cento esixido pola Xunta e ao que si lle deu o seu visto e prace en Santaigo o ministro de Política Territorial, Manuel Chaves.
Aínda que o presidente da Xunta, en virtude do comprometido coa ministra, prefire non revelar as cifras propostas polo Goberno central, Alberto Núñez Feijóo ten claro que a proposta de Elena Salgado “non permite” que a Xunta asine o acordo do financiamento autonómico, que o Goberno central prevé pechar en apenas dúas semanas.
Despois de que Chaves dese por bo o groso dos criterios expostos por Feijóo, o titular do Executivo galego láiase de que, mentres que a Xunta “lle dixo o mesmo aos dous” ministros, “o que eles dixeron é distinto”.
En opinión de Feijóo, no seo do Executivo de Rodríguez Zapatero “coexisten dúas sensibilidades”. Así, Feijóo sitúa a Chaves na “parte dos que queren chegar a acordos” e a Salgado na dos que supeditan o acordo ao “ritmo interno” do PSOE –en referencia ás esixencias dos socialistas cataláns–.
Así as cousas, o presidente galego ve lonxe a posibilidade dun acordo que, explica, non irá alén da “liña intraspasable” do “interese xeral e os servizos públicos” da comunidade. Malia a todo, afirma, o Goberno galego seguirá “traballando” coa mesma “predisposición”.
Non obstante, e aínda que os contactos con Economía continuarán nos vindeiros días, Feijóo carga as tintas contra Salgado ao afirmar que a ministra non puxo “ningún papel” sobre a mesa e que as súas propostas quedaron no “verbal” algo que, afirma, dificulta máis o proceso.
Neste escenario, o titular da Xunta non desbota ningunha “posibilidade legal, é só hai dúas –ironiza–, que son asinar ou non asinar”. O que non contempla Feijóo, cando menos polo momento, é a posibilidade de acudir aos tribunais no caso de que o acordo “marxine” a Galicia.
Esta opción, apunta, só sería contemplada no caso de que un eventual acordo de Zapatero só con parte das comunidades –nomeadamente, con Cataluña– contivese “vicios” que fosen contra o principio “constitucional” de “solidariedade” e “equidade” na prestación de servizos públicos, que Feijóo exemplifica cos custos da Lei da Dependencia.
ENCONTROS
Ademais do contacto “telefónico” coa propia ministra, a axenda negociadora de Núñez Feijóo inclúe tamén ás demais forzas parlamentarias e a outras autonomías.
Así, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, dará hoxe detalles a PSOE e BNG das conversas do presidente cos titulares de Economía e Política Territorial.
Mentres, o vindeiro luns Feijóo viaxará a Valladolid para, xunto co presidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera, intercambiar “actitudes” fronte a uns criterios financeiros do Goberno centralque, asegura, “discriminan ao noroeste español”.
