A supresión dos Premios Nacionais era, até certo punto, previsíbel. A sospeita callara no sector da cultura, máis que polas manifestacións do conselleiro, que evitou pronunciarse até agora, argumentando que estaba a estudar a cuestión e que daría conta das conclusión no Parlamento, pola propia demora administrativa. A convocatoria da primeira edición –e última, de momento– destes galardóns creados en 2008 polo Goberno bipartito publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 24 de marzo do ano pasado, e antes de que rematase o mes de maio xa se coñecían os dez premiados e fora concertada a gala de entrega. Para cada unha das categorías, ademais do premio en metálico (15.000 euros), encargárase unha peza ao escultor ourensán Ignacio Basallo. Integraban o xurado, amais do seu voceiro, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, representantes de distintos sectores da cultura galega: María Xosé Agra, Ramón Villares, Rosario Álvarez, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Manuel Buxán Bran, María Bouzas, Domingo Docampo, Laura Tato, María Isabel Fraga, Celestino García Braña, Ana Romaní, John Rutherford, Felipe Senén e Xurxo Souto.
