Xa non será necesario agardar a que o conselleiro de Cultura responda no Parlamento ás preguntas da oposición: os Premios Nacionais da Cultura Galega morrerán antes de cumprir un ano de vida. Roberto Varela confirmou esta semana a Xornal de Galicia que suprimirá os galardóns creados na anterior lexislatura pola súa antecesora, Ánxela Bugallo, antes de que cheguen á súa segunda edición. Os dez premiados o ano pasado non terán tanta sorte como a dirixente nacionalista. Quedarán sen sucesores, como primeiros e últimos Premios Nacionais.
Nun contexto de “inflación” de premios, argumenta Varela, carecía de sentido dar continuidade a uns galardóns que “custan unha fortuna” á Xunta de Galicia. Malia a ser dez e non 17 como en Cataluña, e estar dotados con 15.000 euros cada un e non con 18.000 como acontece cos da Generalitat, o seu impacto nos orzamentos do Goberno galego soborda os 400.000 euros.
Contra o que manifestaba hai algúns días o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, para quen os premios “están xa totalmente asumidos pola sociedade galega”, Varela Fariña entende que “non teñen tradición” no país –só se entregaron unha vez–, do que se deduce que a súa supresión tampouco sería mal recibida.
"PREMIAR A EXCELENCIA"
Na procura da “alternativa” aos Premios Nacionais, o conselleiro de Cultura comprométese a deseñar algo “máis novidoso”. Así, estuda unha fórmula máis “concentrada”, isto é, con menos galardóns, para que “quen o reciba se sinta realmente honrado”, e apunta algunhas ideas: premiar a “orixinalidade, a iniciativa e a innovación”, por exemplo na restauración de vilas ou na xestión cultural, distinguindo empresas galegas que consigan abrirse un camiño noutro país. En definitiva, conclúe o conselleiro, facer fincapé no traballo realizado e non nas persoas.
De momento, o responsábel do departamento de Cultura descoñece o nome que lle porá aos novos premios, así como a contía ou a fórmula que seguirá a consellería na escolla dos galardoados.

