"Se son avisado dun risco inminente”. Esta será a única conxuntura na que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, optará por “recapacitar” na súa “decisión” de desfacerse o antes posible dos tres coches blindados do parque móbil autonómico.
A xuízo do xefe do Executivo, o feito de desbotar o Audi A8 de Emilio Pérez Touriño –dotado de cristais de seis centímetros de grosor, inhibidores que evitan a activación dun explosivo a distancia e mesmo protección anti mísiles– non diminúe a súa “seguridade”, xa que o seu coche actual, afirma, reune “todos os requisitos” necesarios para “un presidente da Xunta”.
“Adoptei unha decisión –di, en referencia ao “alleamento” de 23 vehículo–e a manteño”. Así as cousas, só unha advertencia dos “servizos de seguridade” da Xunta lograría que o titular do Goberno galego volva viaxar nun coche blindado.
Así as cousas, Feijóo móstrase convencido de viaxar “nun coche seguro”, se ben prefire “non afondar nestes temas” por “cuestións de seguridade”.
Precisamente a publicidade que, nos últimos días, adquiriu a decisión de Feijóo é, para os expertos en seguridade, un motivo suficiente para que o presidente galego opte por un vehículo blindado.
En opinión do presidente da Asociación de Escoltas de España, Vicente de la Cruz, “si no hubiese salido en los medios, sería una buena idea”, ao reducirse os custos de mantemento do parque móbil da Xunta.
Así as cousas, De la Cruz coida que Alberto Núñez Feijóo “ahora se ha convertido en un objetivo fácil” diante dunha eventual agresión “terrorista”. Así, dende o seu punto de vista, os servizos de seguridade da Xunta “deberían blindarlo”. En caso contrario, di, “deberán tener mucho cuidado” en aspectos coma “los itinerarios”.
Nun sentido semellante exprésase o xerente da empresa compostelá Segur 10, especializada en seguridade. A xuízo de Miguel Baños, se ben o “custo” da blindaxe é elevado, resulta “recomendable” que o presidente da Xunta a empregue
A “relevancia” dun presidente autonómico, explica, conleva “un risco, independentemente do seu partido” algo que, no caso de Galicia, di, non acontece cos demais membros do Goberno.
Extremadura non ofrece datos a raíz da decisión de Feijóo
Ademais dos presidentes que, a priori, están expostos a un maior risco –coma o lehendakari, Patxi López–, unha ampla maioría dos dirixentes autonómicos recibiron instrucións orientadas a empregar automóbiles de seguridade. Así, alén de casos anecdóticos coma o do cántabro Miguel Ángel Revilla –que emprega o taxi en moitos dos seus desprazamentos–, presidentes coma o de Cataluña, José Montilla, o andaluz, José Antonio Griñán, ou rioxano Pedro Sanz, empregan vehículos blindados que, en máis dun caso, coinciden co modelo Audi de Touriño. Así e todo, algunhas das comunidades consultadas por Xornal de Galicia preferiron non revelar os datos dos seus vehículos. É o caso do Goberno de Asturias, onde “motivos de seguridad” impiden detallar se o Audi A8 do socialista Vicente Álvarez Areces conta con medidas de seguridade especiais. O mesmo acontece en Extremadura aínda que, neste caso, a decisión de manter en segredo os aspectos de seguridade do coche de Guillermo Fernández Vara chegou no momento en que os medios de comunicación comezaron a recoller as medidas tomadas polo presidente da Xunta.
