Vintecinco anos despois de que 187 concellos galegos acordasen en Santiago poñer en marcha todo un paquete de medidas para normalizar a lingua galega no funcionamento da Administración local, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), retoma ese compromiso a instancias dunha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Este acordo, sustentado pola unanimidade de PP, PSOE e BNG, céntrase especialmente na actividade das policías locais. Segundo explica un dos promotores desta asociación, Xosé González, estes corpos municipais desenvolven unha “gran actividade xurídica” que, a través de “atestados e denuncias”, achega aos xulgados un importante volume de documentación. En virtude do acordado polos municipios, estes documentos redactaranse en lingua galega. Deste xeito, apunta González, evitarase que os policías locais asocien o castelán como “única lingua da autoridade” e permitirá que os funcionarios xudiciais reciban un importante número de expedientes en galego.
O pacto da FEGAMP afecta tamén á “actividade xudicial” dos municipios que, en boa parte das ocasións, recae en avogados alleos ao propio funcionariado. Nun contexto no que, apunta Xosé González, a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza, recibe “máis de 3.000 expedientes” que, na súa “práctica totalidade”, proceden dos concellos, o acordo entre os tres partidos introducirá a lingua nun ámbito no que, segundo o estipulado na Lei de Normalización, o galego debe estar presente se unha das partes o solicita.
