A Plataforma en Defensa da Gratuidade dos Libros de Texto recolleu nun día 6.000 firmas de apoio ao modelo de préstamo de manuais que o bipartito estendera a todos os niveis educativos na pasada lexislatura. Esta iniciativa constituiuse o pasado xoves na Pobra e aglutina a pais e nais da comarca do Barbanza, co obxectivo de recadar apoio en toda a comunidade.
A portavoz desta organización, Charo Varela, sinalou onte que non entenden o motivo polo que a Consellería de Educación “fulmina un modelo que viña funcionando ben”. Así mesmo, a portavoz da plataforma rexeitou o argumento da Administración de que o novo modelo permite un aforro do 30% na adquisición dos textos. “A Xunta adquiría os libros cada catro anos, cada paquete era utilizado por catro nenos, daquela pagaba un cuarto de libro porque ían pasando de man en man, pero eran do colexio”.
Os integrantes desta Plataforma advertiron de que se negan a mercar este material e resumen en sete puntos os motivos que teñen para adoptar esta postura. Así, consideran que a gratuidade do ensino é un “dereito consagrado na lexislación vixente” e califican o sistema anterior de “conquista social”. Ademais, afirman que a Xunta condiciona á igualdade de oportunidades dos nenos por reducir custos,a pesar de que a Administración non fai investimentos en catro anos. Sinalan que o préstamo implica aos nenos no coidado dos exemplares e que e a Consellería “optou por unha política de feitos consumados” no verán, perxudicando ás familias”.
AS ANPAS TOMAN MEDIDAS
A Confederación de Anpas de Galicia (Confapa) reuniuse onte para tratar, entre outros temas, o da gratuidade. A secretaria do organismo, Belén Ribeiro, asegurou que ao estar os nenos de vacacións non poden emprender accións, pero que convocarán ás familias a mobilizarse en setembro. “Os pais están indignados; tememos polas subvencións dos comedores e outros logros que se van a ir a pique dun momento a outro”, indicou.
Na mesma liña, o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez afirmou que co proxecto de Educación só 37.000 unidades familiares recibiran axudas, namentres que antes eran 167.000. Tamén aseverou que a Administración terá que facer unha achega un 25% superior con esta norma e que “tres de cada catro familias quedarán sen libros de balde”.

