As arcas do Goberno galego destinan dende 2005 en torno a 120.000 euros anuais no transporte do ex presidente da Xunta e actual senador por designación autonómica, Manuel Fraga.
Segundo puido saber Xornal de Galicia de fontes próximas á Xunta, cando en 2005 o PPdeG abandonou San Caetano, a Fraga foille asignado, na súa condición de ex presidente, o vehículo todoterreo Wolskwagen Touareg que mercara para empregar como xefe do Executivo a finais de 2004 por un importe próximo aos 90.000 euros.
Aínda que o ordenamento legal limita o uso dun vehículo do parque móbil da Xunta por parte dun ex presidente a un período de dous anos –sempre e cando non se incorpore ao Consello Consultivo–, fontes consultadas por este diario afirman que o Goberno bipartito tomou a decisión de manter no tempo esta prestación pola “representatividade” de Fraga.
Así as cousas, na actualidade o ex presidente, –que desenvolve a maior parte da súa actividade en Madrid– ten ao seu servizo, ademais do Touareg, un Citroën XM como “vehículo de apoio” e dous condutores, que desempeñan o seu traballo en semanas alternas.
Atendendo á información á que tivo acceso Xornal, a suma do custo medio de mantemento de ambos vehículos –que entre pneumáticos, combustible e peaxes rolda os 30.000 euros– e os salarios dos condutores –próximo aos 90.000–, dá como resultado un montante de arredor de 120.000 euros anuais.
O PSOE DIRÍXESE A FEIJÓO
Os datos aos que accedeu este diario levaron onte ao PSdeG a retomar a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a respecto dos vehículos do Goberno galego.
Á luz desta información, os socialsitas galegso pregúntanse se a “obsesión austera” do Goberno galego levará a Feijóo a “retirarlle os vehículos” a Fraga algo que, lembran, o “anterior Goberno” non fixo “polo que representa” o ex presidente.
Así as cousas, o PSOE cuestiona a Feijóo sobre se “apelará a esa austeridade” para pór fin aos servizos do ex presidente da Xunta.

