Feita unha consulta a Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores, e a Cesáreo Sánchez, máximo responsable da Asociación de Escritores en Lingua Galega, sobre o sistema de axudas bilingüe anunciado por Varela na entrevista a Xornal de Galicia do pasado domingo, ambos opinan que a defensa do galego é prioritaria a través das páxinas.
García explica que “o debate xa está superado hai tempo”, referíndose a que “a literatura galega é a escrita en galego, e a que se fai en castelán é española”. O representante dos editores non entende a postura de Varela, e di, non sen certa sorna, que “se ten cartos abondo, é libre de facer o que queira”, explicando que en todo momento eles van “esixir a edición en galego”.
Pola súa banda, Sánchez indica que “cada vez é maior a necesidade de reforzar a produción cultural en galego desde a Administración pública”, xa que de non apoiala, “involucionará o seu natural percorrido e invisibilizará, até rematar por ocultar, unha produción cultural con identidade propia e senlleira dentro das diversas culturas do Estado e do mundo”.
Demanda tamén García unha “xuntanza pendente” para concretar as actividades do Ano da Lectura, que coinciden co Xacobeo, un evento que Varela non para de publicitar. “Hai que consensuar posturas”, incide o representantes dos editores.
Propostas non faltan. Sánchez recorda que xa avisaron á Xunta da confección de “folletos sobre escritores galegos para seren repartidos nos albergues aos peregrinos, e que están á súa disposición para seren impresos e repartidos”. O representante dos escritores tamén lamenta a supresión dos Premios Nacionais. Na súa opinión, “o problema non é económico”.
