A “reestruturación” do parque móbil autonómico, iniciada coa poxa de 23 vehículos do parque móbil da Xunta –entre eles, os tres Audi blindados–, non afectará aos coches ao servizo dos ex presidentes galegos nin, nomeadamente, ao que emprega Manuel Fraga dende 2005.
A preguntas de Xornal de Galicia, a consellería de Presidencia confirmou onte que “non prevé” suprimir o vehículo que emprega Fraga –un Wolkswagen Touareg mercado por el mesmo dende a Xunta– ou, o que é o mesmo, non variará as condicións que o bipartito estipulou para os ex presidentes.
Os servizos dos que goza Fraga emanan, en primeiro termo, da modificación, en xullo de 2007, da Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, desenvolvida polo entón conselleiro socialista, José Luis Méndez Romeu.
Nesta norma, que regula o “estatuto xurídico” dos ex presidentes, o bipartito detalla que os ex xefes do Goberno “terán dereito aos medios e servizos” que a Xunta “estableza por decreto”.
Estes privilexios, segundo a norma, duran “catro anos” dende o seu cesamento, “se tiveron a condición de presidente durante catro ou menos anos”, ou “dez anos adicionais” –caso de Fraga– se ostentaron o cargo máis dunha década.
Tamén o bipartito foi o encargado de desenvolver este decreto que, en outubro de 2007, puxo “ao servizo” dos ex presidentes un funcionario “con nivel administrativo mínimo 18” e, ademais, “un automóbil de representación do parque móbil con condutor”.
Do mesmo xeito, en virtude do decreto, Fraga pode dispoñer ata 2015 das “medidas de seguranza” que “se consideren axeitadas en cada momento” e do “apoio da Casa de Galicia en Madrid e das delegacións da Xunta” nos seus “desprazamentos fóra da comunidade”.
Para uns temos que recortar para outros non ,non poden facelo peor .