sociedad > xornal-de-veran

Marcos S. Calveiro: “Os xéneros son para as estanterías”

“Perder o Xerais senta mal, pero xa perdín máis de un, e máis dun Blanco Amor, e dun García Barros”
Arturo Losada Actualizado 17/07/2009 - 04:39 h.
4 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 3 voto/s

Ao pouco de rematar a súa xornada no despacho de avogados en Vigo, o letrado e escritor Marcos S. Calveiro, gañador do Premio da Crítica á mellor novela en galego por Festina lente, sométese a este pequeno interrogatorio.

 

Seica andivo a pasear turistas por Santiago, nun roteiro baseado na súa novela, Festina Lente...

Rexeito toda responsabilidade [ri]. Foi unha cousa moi ben organizada por Ánxela Gracián e os Amigos do Románico. Pero recoñezo que me gustou poder facer de cicerone de trinta ou corenta lectores. Faríao todas as fins de semana , pero claro, para iso tería que escribir máis novelas sobre o pasado de Compostela.

 

Farto de que lle pregunten a que veu esta teima de escribir unha novela histórica?

Farto non, pero non entendo por que me teño que xustificar. Todas as novelas son históricas , contan cousas que xa pasaron, sexa a semana pasada, sexa na Guerra Civil ou no século XVIII, así que nese sentido Festina Lente non ten nada de particular.

 

A literatura de xénero morde?

Hai que velo con máis naturalidade. Non son máis que etiquetas , os xornalistas, os editores e as librerías teñen que saber en que estante colocar o teu libro.

 

Como lle senta ao corpo perder nos Premios Xerais?

Ben, a decisión do xurado é soberana, pero non vou mentir, senta mal. Como perder calquera outro premio, vaia, pero non só perdín un, perdín varios Xerais. E varios Blanco Amor, e varios García Barros... Haberá quen diga “de que se queixa este tipo, que non fai máis que gañar de todo nos últimos anos”, pero claro, os premios que me dan fanse públicos, e os que perdo, pois non.

 

Que tal vai o verán coa folga do metal?

Pois tiven que andar moito para vir ao choio, que non circulaban os vitrasas. De todos modos, en agosto marcho para unha casiña que teño na Paradanta, a desconectar un pouco da cidade e a dar uns paseos cos fillos.

 

Fica alguén en Vigo en agosto?

Non o sei, que nunca estiven para velo, pero cando é a procesión do Cristo da Victoria van milleiros de persoas. Será que só quedan as beatas e os católicos recalcitrantes. Por min, só irei a ver a Leonard Cohen.

 

Con entrada ou dende a bancada de Castrelos?

Aínda que son dos que sempre quedan arriba, desta vez paguei os 18 euros da entrada. Non son tantos cartos, comparados cos que cobra noutros concertos por España, e mellor estar preto, que xa vai vello e canta baixiño.

 

Despois das tres ou catro mortes e resurreccións da blogosfera, como segue no seu Alfaias?

Pois un pouco máis canso, pero sen medo. Se tamén morreron o cine, o libro en papel e os xéneros clásicos, non pasa nada porque morran os blogs. E coido que agora, co tema do galego e a deconstrución da cultura, é importante estar aí para debatelo en internet, que segue a ser un espazo libre.

 

Haberá mercadiños para vender os restos da cultura en San Caetano?

Non sei que vai pasar, pero pinta moi mal. Precisamos unha mobilización social e cívica, para que a protesta non quede nunha manifestación folclórica que celebramos 40.000 persoas no 17 de maio.

 

Mellor estar asociado como escritor ou colexiado como avogado?

A Asociación de Escritores vaime levar ao Galeusca, catro días a Euscadi, e o Colexio de Avogados de Vigo nunca me sacou a ningures a pesar de que lles pago moito máis. E espero que por dicir isto non reconsideren o da miña viaxe [ri].

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Outro erro
Sin Txan
2009-07-08 15:35:47
"Estanterías" é un termo castelán. En galego dicimos "andeis".
2
Erro corrixido
Xornal
2009-07-08 12:39:35
Certamente, era un fallo, pero xa está solucionado. Grazas polo aviso
3
Unha dúbida
Sin Txan
2009-07-08 11:38:58
E quen gañou o Xerais o ano que o perdeu Marcos Calveiro?
4
Negriña de máis
Brais
2009-07-08 09:05:19
A entrevista ben. Pero hai aí unha pregunta no medio un tanto rara, non? Parece que é o xornalista quen vai pasear cos fillos.

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.