As xestións diplomáticas levadas a cabo pola OEA, coa mediación do presidente costarricense Óscar Arias, a fin de atopar unha solución á crise política hondureña manifestada tralo golpe de Estado do pasado 28 de xuño, amosa toda unha serie de perspectivas e escenarios, tendentes a medir o pulso hemisférico en cuestión.
Por vez primeira, o deposto presidente hondureño Manuel Zelaya verá as súas caras co mandatario favorecido polo golpe, Roberto Michelletti. Baixo os auspicios da ONU e da mediación costarricense, este primeiro contacto definirá diversas variables sobre a solución da crise hondureña. Pero as perspectivas son tan incertas como complexas. Diversos medios políticos e diplomáticos recean dun diálogo que, en principio, semella desigual.
A activación da diplomacia hemisférica baixo o liderado da ONU e coa tácita aprobación de Washington, semella igualmente orientada a amortecer o probable protagonismo de Hugo Chávez na crise hondureña, escenario que apunta a clarificarse ante o baixo perfil adoptado recentemente polo presidente venezolano. Abortar as posibles implicacións de Chávez na crise hondureña, a tenor das ameazas esgrimidas de actuación militar contra os golpistas, supón unha estratexia que se nota claramente deseñada dende Washington, co beneplácito da OEA e dos principais organismos hemisféricos, coa comprensible excepción do ALBA. A única acción punitiva de Chávez foi cortar o subministro petroleiro a Honduras, país membro do ALBA.
Tomando en conta a polarización hondureña, resulta incerto e probablemente difícil considerar que Michelletti finalmente ceda ante as presións da OEA para restituír a Zelaya no cargo. Os sectores empresariais e as Forzas Armadas hondureñas amósanse confabulados na pretensión de evitar o retorno de Zelaya a Tegucigalpa. Incluso, o propio Michelletti meditou a posibilidade de non acudir á cita en Costa Rica.
Pola súa banda, cómpre considerar con especial atención o papel estadounidense nesta crise. As altas esferas do poder en Washington amosaron o seu apoio á restitución de Zelaya, pero EEUU é o único país interesado e implicado na crise hondureña que non retirou o seu embaixador en Tegucigalpa. A única medida firme dende Washington foi a paralización temporal da asistencia militar estadounidense ao país centroamericano. Pode que o goberno de Barack Obama, inmerso nos imperativos globais traducidos na súa visita a Rusia e na participación no cumio do G-8, estea intentando gañar tempo para interpretar, con maior claridade, cara onde se dirixe o péndulo do poder en Tegucigalpa.
De fracasar as xestións en Costa Rica, Michelletti poderá albiscar con maior claridade o seu plan, tendente a amortecer a presión interna a favor da restitución de Zelaya e dar curso a un adianto electoral que certifique a proclamación dun presidente afín. Pero o risco que corren Michelletti e o goberno golpista radica na posibilidade de que o país sufra unha andaina de sancións económicas internacionais que afonden na pobreza existente no país centroamericano. Cabe desexar que o diálogo e a diplomacia que acaba de empezar en Costa Rica permita abrir canais de solución para Honduras e, indirectamente, para o resto do continente.
>> Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI
