Un día despois de que o PP abandoase a Comisión de Honores e Distincións na que se decidiu retirar 53 símbolos franquistas, o seu voceiro, Carlos Negreira, volveu criticar que o goberno coruñés lesionou “o dereito fundamental de participación” do seu partido cun acordo “precocinado entre PSOE e o BNG”. Ademáis, admitiu que non comparte a supresión das iconas da ditadura.
“Eu non a comparto, pero como lei, que se aplique”, apunta Negreira, que considera este tema como “un debate absolutamente estéril para os cidadáns”. O popular recordou que o seu partido votou contra esta lei porque vai “en contra do pacto constitucional de 1978” e “non se debe xogar a iso”. Carlos Negreira recoñeceulle a Xornal a súa postura con respecto á retirada dos símbolos despois das acusacións ao seu partido de non querer pronunciarse escudándose en que non formaban parte da comisión.
Porén, volveu insistir neste tema e afirmou que o Partido Popular participa “en todo para o que se lles chama”, pero na creación desta comisión xogaban “con tahúres e coas cartas marcadas”. “Se dixo que propuxéramos persoas para formar parte dela, pero despois era o alcalde o que as designaba, e non é un xogo leal”, denuncia, e critica que o BNG, con seis concelleiros, ten dous representantes na comisión, e eles, con dez, non teñen ningún. Ademais, insistiu no feito de que “a aplicación da lei da memoria histórica exclúe os descendentes das persoas ás que se lles quita unha distinción”.
NOVAS CRÍTICAS DO GOBERNO
Pola súa banda, o Goberno municipal volveu lamentar a “falta de valentía política” do PP por “intentar non ter que cumprir a Lei de Memoria Histórica” e lembra que “precisamente se modificou o regulamento da Comisión de Honras e Distincións porque a audiencia a familiares ou sucesores das persoas ás que se lles revogan as concesións non está considerada na lei estatal”.
Dende o Concello insisten na “irresponsable actitude do Partido Popular ao abandonar a Comisión de Honras e Distincións”, e en contra do que asegura Negreira, aseveran que “desde o inicio do proceso se solicitou ao PP en reiteradas ocasións que designase membros para formar parte da Comisión de Expertos que elaborou o informe” e “fixo sempre caso omiso”. “Agora completan a súa lamentable posta en escena retirándose da Comisión de Honras para non ter que votar sobre a retirada da simboloxía franquista”, lamentan.

