“Adopción de estándares abertos por parte da Xunta de Galicia” ou “eliminar a obriga de contar con ferramentas informáticas concretas para o manexo da información”. Son algúns dos piares do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), elaborado polo bipartito e que o novo Executivo substitúe, na práctica, polo “Plan TIC de Medidas Urxentes” (PMU).
O proxecto do novo Goberno, que xa recibiu luz verde do Consello da Xunta, comparte co do anterior Executivo obxectivos como a implantación da “Administración electrónica” e do “e-goberno”, isto é, avanzar cara a un escenario no que o papel desapareza paulatinamente da Administración e, ao tempo, os cidadáns poidan realizar os diversos trámites dun xeito máis áxil grazas á informática.
Se ben o espírito de ambos plans non é diferente en exceso, si o é a súa parte práctica. Mentres que o PEGSI aposta de xeito decidido polo software libre –programas informáticos de código aberto, de libre distribución, que poden ser modificados e liberan á Xunta da dependencia duha determinada empresa informática–, o PMU deixa de lado esta opción.
Así as cousas, o proxecto do novo Goberno –que suporá un investimento de 8 millóns de euros ata 2010– omite calquera referencia a este tipo de programas e, ao tempo, aposta por “centralizar as compras” de novos programas nun único departamento autonómico.
Así as cousas, este novo plan, impulsado pola Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica –dependente de xeito directo do presidente da Xunta–, avoga pola “austeridade” e a “optimización” no gasto informático e, ao tempo, non apoia as súas medidas nun tipo de programas cun custo sensiblemente inferior aos das grandes compañías informáticas e, en moitos casos, gratuítos.
MANCOMÚN
Unha das iniciativas que, a priori, está chamada a ser a gran damnificada polo golpe de temón da política informática da Xunta é Mancomún, o centro de referencia e servizos de software libre creado pola antiga Consellería de Innovación e Industria.
Dende a súa creación, este centro combinou o asesoramento ao Goberno galego en materia tecnolóxica co desenvolvemento de ferramentas informáticas de uso cotián, facilmente adaptables tamén aos labores ordinarios da Administración.
Así, a través de Mancomún viron a luz as traducións ao galego de programas coma OpenOffice, un paquete de aplicacións libres ás que calquera usuario pode acceder de balde a través do portal creado en Internet polo propio centro e que inclúe programas esenciais para os labores administrativos, como a redacción de textos ou a elaboración de cálculos.
Tamén pasaron por Mancomún dúas distribucións do popular sistema operativo Linux –Trisquel e Galinux–, unha alternativa “libre” ao comercial Windows de doada aplicación en, por exemplo, o posto informático dun funcionario.
Malia a estas condicións de partida, os plans da Xunta semellan apartarse non só da liña iniciada polo bipartito, senón da amplamente desenvolvida por autonomías como Extremadura ou Andalucía, nas que boa parte da actividade ordinaria das súas Administracións adoptou xa o software libre, con resultados satisfactorios e un sensible aforro para as arcas públicas. d.

