A lingua galega é de todos e todos teñen un sitio na súa defensa. Esa parece ser a palabra de orde que comparten as tres plataformas cidadás que estes días se están a organizar en Galicia co obxectivo de articular unha resposta de amplo espectro ás políticas do novo Goberno da Xunta, que entenden lesivas para o galego. De vocación apartidaria, plural e independente, mesmo no plano económico, refugan dar nomes propios e reivindican o seu carácter cívico, colectivo e horizontal.
Xa acumulan varios centos de adhesións en distintos sectores da sociedade, pero aínda non se presentaron publicamente. A primeira farao o vindeiro 10 de xullo na Casa Galega da Cultura de Vigo coa lectura dun manifesto titulado “Galego, patrimonio da humanidade”, atrás do que alenta unha iniciativa lexislativa popular que pretenden levar ao Parlamento. O contido está por definir: “Trátase de abrir un espazo o máis plural posíbel que permita restaurar o consenso lingüístico que nunca se debeu perder”, di unha das persoas que apoia o proxecto.
Sen sectores nin organizacións, senón formada por “persoas unha a unha”, esta “comisión cívica” –como se define– apañou case 200 sinaturas en apenas unhas horas e seguirá a recabar apoios (www.galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org) até o vindeiro martes. Malia a que o comunicado vén avalado por dúas persoas coñecidas, o editor Manuel Bragado e o profesor e columnista Antón Baamonde, a iniciativa quérese horizontal e sen voceiros.
Outra das plataformas, na que levan meses a traballar persoas relacionadas co mundo da literatura e a cultura galegas –en moitos casos pertencentes a institucións significadas, pero que aquí figuran a título persoal–, prefire non revelar de momento o seu nome, para o que xa teñen varios dominios rexistrados en internet, un dos seus principais campos de actuación. O colectivo, que terá entre 200 e 300 membros cando se poña a andar oficialmente nas vindeiras semanas, autofinanciarase a través de cotas individuais e defínese como un movemento “apartidario, plural e invisíbel”. Traballará, indican, co único obxectivo de “devolver a lingua galega ao pobo galego para que sexa este, e ningún outro estamento, quen o visibilice”.
Catro anos, non menos
Xa en marcha, e tamén sen voceiro nin estrutura organizativa, esta segunda plataforma prefire non facer público o seu programa de acción. “Trátase”, segundo un dos seus membros, “de non poñer en risco unha das principais vocacións do colectivo: a perdurabilidade. Ten que ser unha fronte ampla e plural que dure, cando menos, os vindeiros catro anos. Que non se queime no primeiro treito da lexislatura, cando as medidas do Goberno contra a lingua van ser máis agresivas”.
O que si teñen claro, nesta altura, é que o espectro de acción debe ser tan amplo como a súa base social. “Nin agresivas nin ofensivas, pero tan pronto combativas como lúdicas”, resumen. Niso coinciden coa última das tres plataformas ás que tivo acceso este diario. Convocadas a través da rede, medio cento de persoas reuníronse onte á noite nun local de Santiago para organizar unha gran marcha a prol da lingua que percorra as cidades, vilas e aldeas do país “estabelecendo un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa”, coa cidadanía. O intercambio de ideas foi “positivo” e refrendou a iniciativa.
Ningunha destas tres plataformas opera de costas ás outras senón todo o contrario. Todas están en contacto e aseguran que traballarán coordinadamente, se non nos mesmos campos ou coas mesmas estratexias, si cando menos “cos mesmos obxectivos e coa vontade de sumar e non de restar”. Hai persoas que respaldan varias ao mesmo tempo e onte celebrouse polo menos unha xuntanza entre dúas delas para intercambiar ideas e impresións. De momento, porén, uns e outros prefiren agardar a que os grupos se organicen e definan o seu argumentario compartido para empezar a falar de actividades.
A Mesa tamén se suma
Antes de que calquera destas tres iniciativas se presente publicamente, a cidadanía coñecerá unha cuarta plataforma, esta vez cun nome xa definido –”Queremos galego”– e con interlocutores abondo coñecidos na defensa da lingua galega. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, difundiu onte un comunicado convocando “a todas as entidades que teñan interese en conformar un colectivo social en defensa do galego” a unha reunión “aberta” que se celebrará o vindeiro 7 de xullo na galería Sargadelos de Santiago. No encontro “acordarase a estrutura e o programa de actividades desta nova plataforma, tan necesaria perante as fortísimas agresións contra a nosa lingua dende o actual Goberno”.
A Mesa, como o primeiro dos colectivos mencionados, tamén pretende botar a andar unha iniciativa lexislativa popular, na que –asegura o seu presidente– xa están a traballar varios lingüistas pertencentes ao Observatorio dos Dereitos Lingüísticos. Esta figura, prevista tanto na Constitución Española como no Estatuto de Autonomía de Galicia, permite aos cidadáns elevar unha proposición de lei ao Parlamento sen a mediación dos partidos políticos con representación na Cámara. Para que iso sexa posíbel, iso si, é preciso reunir antes 15.000 sinaturas. E para conseguir os obxectivos da iniciativa, xaora, os deputados si son necesarios. A maioría debe votar a favor.

