Mancomún, a iniciativa para a promoción do software libre (SwL) creada pola Consellería de Industria e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) durante o bipartito, fica estes días nun limbo administrativo, sen que o novo goberno galego lle marque un rumbo, e a súa supervivencia máis aló de decembro é unha incógnita, xa que é a data na que caduca o convenio que permite a contratación dos seus traballadores. Nada dixo a Xunta sobre o seu futuro, e non apareceu mencionada no plan de medidas que a semana pasada adiantou a estratexia tecnolóxica do Goberno.
Suso Baleato, o coordinador deste proxecto, que traduciu o Firefox e o Open Office ao galego, mostrou onte a súa “preocupación” por non ter aínda noticia das intencións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, o departamento da Presidencia da Xunta que está agora a cargo de Mancomún. “Pedín unha xuntanza o mesmo día que tomou posesión a secretaria xeral, María del Mar Pereira Álvarez, pero aínda estou a agardar”, afirma Baleato.
Polo momento, Mancomún continúa coas súas actividades de rutina, como o mantemento do sistema operativo Galinux, distribuído e traducido por eles, e a publicación de novas relacionadas co SwL, pero o tempo corre na súa contra. O convenio entre a Xunta e o Cesga que lle deu vida a esta iniciativa esgótase en decembro de 2009, e xa foi prorrogado por un ano á espera do resultado electoral, polo que o único xeito de renovalo sería que executivo negociase novos orzamentos, obxectivos e prazos de traballo.
No Cesga están as oficinas de traballo de Mancomún e, agás Baleato, os outros seis traballadores estables do proxecto están contratados a través do centro de supercomputación, polo que os seus postos de traballo corren perigo de desaparecer.
PROXECTOS QUE FICAN NO AIRE
De hoxe ata decembro, o que Baleato bota a faltar en Mancomún é unha dirección a seguir: “Ao volver do verán, comezaremos a ter problemas para seguir traballando se aínda non se nos marcaron unhas directrices claras”.
Xa informou á Secretaría Xeral de Modernización dos proxectos que teñen en marcha, pero non sabe se ao novo equipo lle interesa mantelos. O persoal de Mancomún está a traballar agora na distribución dun DVD especialmente pensado para pequenas e medianas empresas, con ferramentas de código aberto para solucionar as necesidades informáticas máis comúns. Nun plano máis técnico, queda pendente –xa dende os primeiros tempos do proxecto– a creación dun repositorio de software, un espazo web dedicado a distribuír programas de SwL, para garantir que sempre estean dispoñibles para os usuarios.
Existen ademais convenios de colaboración coas tres universidades galegas, nas que teñen algúns colaboradores habituais, e coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), que tampouco teñen garantida a continuidade.
No Cesga están as oficinas de traballo de Mancomún e, agás Baleato, os outros seis traballadores estables do proxecto están contratados a través do centro de supercomputación, polo que os seus postos de traballo corren perigo de desaparecer.
O labor deste equipo é exercer de ponte entre a Administración, as empresas e os colectivos de usuarios de software libre, coordinar os esforzos de todos e informar os sectores especializados e a sociedade en xeral das vantaxes do SwL, un traballo que corre o risco de quedar só en mans do coordinador.
