O escritor cre que “temos un Goberno tan de segunda que vai levar Galicia a unha situación de terceira”
Manuel Rivas toma o seu tempo para falar. Cada verba que sae dos seus beizos está meditada e cada metáfora que fía vén a explicar o que é sociedade galega. A Rivas non lle gusta este Goberno, cualifícao “de segunda”. Tamén é crítico coa oposición e coa dimisión de Emilio Pérez Touriño e de Anxo Quintana das súas respectivas formacións: “Debes dimitir, máis debes facelo cando teñas todo preparado”.
O novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo está a tomar unha postura con respecto a lingua galega que incomoda a gran parte da sociedade. Non obstante, a Xunta semella non ter ningún tipo de complexo. Por que cre que ocorre isto?
Penso que estamos nun estado de perturbación... Todo o que está a pasar lémbrame a algunhas experiencias de xogo futbolístico da miña infancia. Vías que estaba a pasar algo no campo, e que o xogo transcorría segundo unhas regras. De súpeto, aparecía unha treboada que o trastornaba todo, como se houbera unha negra sombra que comezase a mover vontades. Aquí pasou algo semellante. Alguén xogou a dinamitar as pontes simbolicamente e, agora, estannas a voar de verdade. Penso que non hai unha conciencia clara por parte dos que alimentan a dinámica desta guerra lingüística do que significa o galego para este país como patrimonio, recurso e símbolo. Non entendo como este Goberno, coa actitude que ten, pode reclamar unha posición de “unidade galega” para a reforma do financiamento autonómico, coma se este fose un asunto esgazado da nosa identidade.
O chamado conflito lingüístico xorde a partir dunha situación e uns enunciados que son cualificados de irreais pola maioría da sociedade.
Si. Ás veces imaxino que realmente puxeron oficinas de deconstrución do galego, reformando esas criptas secretas que antes tiña o bipartito para a construción nacional, con xardín zen e todo. Semella un pouco de broma. Parecía que nos primeiros momentos estaban a aproveitar a súa vitoria sorpresa para rematar a xogada, seguindo o símil futbolístico, pero semellaba que era unha cousa temporal, un estoupido do momento. Coido que nese momento alguén dixo: “Isto funciona”. Recórdame ao que pasou en Cuba no 1898, cando o magnate da prensa William Randolph Hearts mandou a un xornalista e a un ilustrador para que contasen o mal que alí se vivía. Eles viron que as cousas estaban calmadas e quixeron voltar para a casa, pero Hearts díxolles que puxeran os debuxos e a crónica que xa poñería el a guerra.
Pero que ocorre na sociedade galega para que non haxa unha reacción máis contundente a este “proxecto de deconstrución”?
As eleccións provocaron un sismo que fixo abanear os recantos do país, algo que non se xustifica por un cambio político que naceu dun resultado electoral moi axustado. Aquí, o paradoxo alucinante é que os resultados das eleccións, cunhas diferencias case centesimais, fan que o país quede pendurado duns fíos, carente de toda confianza. Hai unha malversación da autonomía. Algúns estamos á espera do que vai a pasar coa ordenación do territorio. Aínda aguanta a moratoria con respecto á construción na costa, pero xa hai sinais de que aquí vai a haber carta branca en cuestión de meses. Temos ríos e concas fluviais superexplotadas, porén semella que foi pouco, que aínda se vai a levar máis ao límite. No tema sanitario tamén vexo sinais moi preocupantes. Todos somos conscientes de que temos problemas específicos derivados da dispersión e o envellecemento da poboación, non obstante a Xunta está deixando caer solucións propias do páis máis rico do mundo.
Cualifique ao Goberno da Xunta.
Hai un nivel moi baixo de cualificación profesional nos políticos desta Xunta. A realidade é que temos un Goberno moi, moi de segunda, que está a levar a Galicia a unha situación moi, moi de segunda. Incluso me temo que imos baixar a terceira. Neste momento, Galicia non pinta nada, é un argumento folclórico para a extrema dereita, un tebeo. “Que ben fixo Feijóo co do Audi”, din sen pensar nada máis.
Se o Goberno de Feijóo é como vostede di, por que non se move a sociedade galega?
Penso que estamos nun momento de estupor. A campaña electoral foi tan suxa que nos fixo perder unha certa inocencia. Coido que Galicia foi un campo de probas para o uso dunha determinada estratexia de marketing político que funcionou: a propaganda gris, ou dito máis coloquialmente, botar merda sobre todo. Miramos para ela con inocencia e aínda non chegou a reacción, andamos en stand by, que é un termo medio entre estar inmobilizado e estar á espreita. Ninguén agardaba que se fora tan lonxe, que se deran tantos ataques contra a confianza básica.
A súa parece unha visión un tanto apocalíptica.
Esta actitude tan agresiva deixou perplexo ao pobo. É posible que volva o tempo das listas negras, e os recortes vaian máis alá da lingua e do territorio. Pode que derivemos nunha dinámica de amigos e de inimigos. Un exemplo é a utilización da televisión pública para lanzar unhas acusacións inquisitorias contra a Mesa Pola Normalización Lingüística, sen dar pé a réplica. Foi unha agresión hostil á sociedade civil que me recordou aos tempos de Nunca Máis. Todo isto conforma unha situación realmente preautonómica. Estamos nun estado de substracción da autonomía, da lingua e da identidade. Se un recurso tan importante como é a lingua non vale moito, se un Goberno deixa que as empresas decidan sobre o territorio, se malvendes o país que gobernas, que podes pretender. Ti mesmo estas a desvalorizarte.
Esta deconstrución da que fala, abrangue tamén o campo económico e empresarial?
Si, porque todo esta relacionado. Unha lingua ten un valor simbólico pero tamén real. Poderiamos contabilizar a súa importancia no PIB. Non é tan raro se pensamos que non hai moito se facían plans de contabilidade nacional sen engadir os bosques. Como non vas contar as fragas, os ríos e as rías, se son a nosa mellor factoría!
E como cre que se está a comportar a oposición ante esta situación?
Do mesmo xeito que creo que hai un momento baixo no Goberno, tamén hai un momento baixo na oposición, polo menos no que están a manifestar. Ao mellor vou a dicir unha arroutada, pero vou dicila: Penso que Touriño e que Quintana se precipitaron ao dimitir. Sinceiramente, creo que foi precipitado. Ollo! Non digo que non tivesen que facelo. O que fixeron foi un acto de honestidade consigo mesmos e un exemplo, pero non sei se isto último foi ben entendido, se se reflectiu como un exemplo.
Por que o dí? Polos seus respectivos sucesores no cargo?
Non, dígoo porque foi precipitado e xa está. A súa postura foi como a dun boxeador derrotado que o que quere é voltar para a casa. Aínda con todo, creo que Quintana e Touriño se deixaron levar moito polo ditado externo. Ti debes dimitir, máis debes facelo cando teñas preparado algo mellor, ou polo menos cando teñas a casa en orde. Debes facer isto sobre todo cando estás a ver que despois da túa marcha o PP segue coa mesma campaña gris que empregou nas eleccións, co agravante de que, agora, o adversario xa non está diante. Estábaslle pisando a cabeza a alguén que xa marchara para o hospital! Como país, creo que todos estamos pagando un pouco esa reflexión. Na oposición en xeral, e no nacionalismo en particular, hai un cainismo tremendo. Un cainismo que xa non é de agora e que estamos a vivir dende hai anos.
En que se basea ese cainismo do que fala? Pensa que ten solución?
Pois, en vez de existir un proceso de acumulación, que por momentos se intenta, hai esta síndrome. É a teoría de pensar que a cama é pequena e que hai que cortar os pés. A cama non é pequena. Por que non pensas que a cama é moi grande e que cabe moita xente? Quintana debeu presentarse ás eleccións, e igual que el todos os anteriores, nun escenario no que tamén estivesen Xosé Manuel Beiras, Pousa Antelo, Camilo Nogueira, González Mariñas e Manuel Mera. Todos eles debían e podían estar aí... Ben, faltoume tamén dicir Paco Rodríguez e Bautista Álvarez pero que ninguén pense mal, eh? Eles tamén por suposto. De presentase deste xeito dariase unha percepción de país como o dun arco da vella, igual que a convivencia que amosaba o Partido Galeguista que levaba na súas filas conxuntamente a xente como Otero Pedrayo e a Ramón Suárez Picallo. O certo é que ninguén pode convocar a un país se malamente convoca aos seus.
Cre que é por ese “cainismo” que se da na nova oposición polo que se perderon as eleccións?
A verdade é que foi unha desgraza que o Goberno de coalición non tivese un segundo mandato, e non o digo por simpatía política, dígoo porque foi unha amputación. Logo, que viñese outro Goberno, pero polo menos que o bipartito botara catro anos máis no poder. A verdade é que estábanse a facer cousas importantes e se estaban a pór moitas trabes. Eu fun moi crítico coa labor do Goberno anterior, porque penso que hai que selo, pero merecía un tempo máis.


