A dirección de NÓS-Unidade Popular fixo público un comunicado o venres no que anuncia o seu abandono da plataforma 'Queremos galego' auspiciada pola Mesa da Normalización Lingüística, e asegura na súa web que outras nove entidades se desmarcan da iniciativa por idénticas razóns. Critican o "control" que a corrente maioritaria no BNG, a Unión do Povo Galego (UPG), e os dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles o seu presidente, Carlos Callón, intentan exercer sobre un colectivo creado como "plataforma normalizadora ampla, democrática e non partidista".
'Queremos galego' é unha das catro plataformas a prol do galego que agromaron nas últimas semanas diante das novas políticas da Xunta de Galicia a respecto da lingua e foi a primeira en presentarse. A segunda en facelo, promovida polo editor Manuel Bragado e o profesor Antón Baamonde, 'Galego, patrimonio da humanidade', leva recollidas case 3.000 adhesións.

