QUE ILUMINAR?
Débense empregar soamente luminarias sen emisión cara á atmosfera. A iluminación de fachadas ou letreiros debe realizarse exclusivamente de arriba cara a abaixo. A iluminación publicitaria con láser cara á atmosfera considérase innecesaria e altamente contaminante. De todas as maneiras, o propio pavimento xa reflicte luz á atmosfera.
NIVEIS BÁSICOS
Non se deben superar os niveis de iluminación de seguridade recomendados como máximos polos organismos luminotécnicos internacionais. De non cumprirse, poderíase producir deslumbramento, o que causaría accidentes de tráfico e problemas de inseguridade cidadá, ao contrario do que se acostuma a pensar, de novo erroneamente.
AS LÁMPADAS
Con lámpadas de maior eficiencia e menor impacto ambiental polo seu rango espectral (actualmente, as de vapor de sodio de baixa e alta presión). Hai que empregar farois que non provoquen interferencias no ecosistema nocturno, xa que moitos insectos e depredadores pódense ver afectados. A maiores, evítase a interferencia lumínica nos fogares.
MENOR CONSUMO
A igual nivel de iluminación, utilizar a instalación de menor consumo, máxima relación interdistancia-altura das luminarias e menor coste de mantemento. As substitucións masivas de alumeado levadas polos concellos deben ter algo máis que criterios de eficiencia enerxética para producir á súa vez unha diminución da contaminación lumínica.
MENOS TEMPO
É recomendable instalar centros de telecontrol das luminarias con dispositivos de estabilización da corrente, de encendido e apagado, así como de redución do fluxo luminoso para as horas que teñen menor tránsito. Apagar por completo todas as luminarias sen uso e restrinxir tamén o horario de encendido dos farois ornamentais publicitarios.
