O Modelo Burela de Planificación Lingüística pretende poñer en valor o exemplo de integración lingüística que supón a convivencia dos habitantes desta vila
Caboverdianos, peruanos, indonesios... e ata máis de 30 nacionalidades diferentes conviven en Burela. Esta situación non tería nada de excepcional se non fose porque a meirande parte dos burelaos falan espontaneamente galego, con independencia da súa orixe.
Consciente do exemplo de integración que supón este feito, a corporación municipal aprobou por unanimidade en abril do 2008 o Modelo Burela de Planificación Lingüística. Este documento salienta o feito da frecuente e rápida adaptación ao galego que experimenta calquera novo membro que se integra nesta comunidade de habitantes. Pero tamén o é porque recolle accións normalizadoras non só en galego e castelán, senón tamén en inglés e outras linguas.
A profunda tradición oral de galego que vive esta vila fai que a comunicación habitual neste idioma se estenda aos habitantes que chegan de fóra. Os veciños deste pobo da Mariña non se senten excepcionais ante esta situación. Para eles é habitual expresarse nestes termos. Por iso a convivencia continúa en Burela, allea ás disputas lingüísticas propugnadas dende algunhas institucións.
O espírito deste documento recóllese nun documental realizado polo xove director de cine burelés Matías Nicieza. Se che interesa, podes velo íntegramente en culturagalega.org
