Como neofalante que é, John Thompson fala un estándar correctísimo. No seu caso, con máis razón. Nacido en Montana, nos Estados Unidos, en 1971, confésase “un produto da diáspora”. Tomou contacto coa lingua na que agora fala e escribe a través dun avó seu que casou “en segundas nupcias”, precisa, cunha muller galega. Profesor no Departamento de Linguas Modernas na universidade do seu estado natal, vén de publicar en Galaxia un estudo sobre a reelaboración literaria da II República e a Guerra Civil en Galicia a través de 43 novelas. Polémico nalgunhas das súas conclusións, As novelas da memoria despraza o foco habitual nesta caste de aproximacións: no canto de ficar apegado ás obras, interésase na maneira en que esta narrativa serve para relacionarse colectivamente co pasado.
É difícil desligar o interese científico na lingua e na literatura galegas do compromiso político con Galicia?
O tema que investigo é tan político en por si que para construír unha posición ética un ten que tomar partido. Hai momentos en que cómpre ser neutral, como na análise das novelas, mais no que concirne á miña posición a respecto do fascismo e da II República non podo ser neutral. Se un quere ser moral, non pode ser neutral. Se ante o fascismo un toma unha posición neutral, acaba dalgún xeito defendendo o fascismo.
Por que sostén que a narrativa, e nomeadamente a novela, é a canle privilexiada para reelaborar a memoria?
É mellor que calquera outro xénero porque lle ofrece á sociedade unha vía de inmersión na Historia. Pola súa flexibilidade, polo feito de o lector ter que recrear as imaxes a partir da palabra escrita, pola liberdade que iso implica, e porque pode combinar tons, rexistros, linguas... Por todo iso, é unha ferramenta idónea para que o lector se mergulle na Historia, para que a viva, para que a sinta. Sempre hai historias persoais ao lado da macrohistoria, e o lector pode identificarse cos personaxes e implicarse no relato. Séntese máis próxima a Historia na novela ca no cinema. Un filme dura unha hora e media e acábase. O libro dura máis e esixe máis atención, máis compromiso, máis intensidade.
As cartas de republicanos galegos condenados a morte que vén de publicar Xerais, compiladas por Xesús Alonso Montero, son estarrecedoras. Se cadra non son tan útiles para reelaborar a memoria, pero a súa capacidade de impacto na conciencia é moito maior.
Todos os xéneros teñen o seu sitio no mosaico. Non pretendo metelos nunha xerarquía en función da súa efectividade á hora de transmitir a memoria. Esas cartas son impactantes, comprobareino cando as lea, pero o lector non sabe nada desas persoas. Só coñece as súas cartas. Pense por exemplo no Don Gregorio d’A lingua das bolboretas [relato de Manuel Rivas incluído en ¿Que me queres amor?]. Por que o seu final é tan tráxico? Porque sabemos que é un profesor republicano que ama os seus alumnos e ten arelas dunha mellor educación. O relato supera, neste sentido, o libro de Alonso Montero. Se esas cartas se metesen dentro dunha ficción, talvez tivesen máis forza. Tamén é posíbel que perdesen a súa autenticidade.
Nas conclusións, vén a dicir que nin Xoán González Millán nin Francisco Rodríguez, dous teóricos da literatura case antagónicos, valoraron o suficiente a literatura da memoria.
A min paréceme que o nacionalismo galego ten un problema coa memoria histórica: non sabe que facer con ela. González Millán e Rodríguez son dúas figuras son moi importantes para o pensamento nacional, o primeiro no ámbito da teoría literaria e o segundo tamén na política de partidos, e ningún dos dous deu demasiada importancia a estas novelas. O nacionalismo galego non abrazou suficientemente o republicanismo. Para ser democrático e cosmopolita e aberto, para axudar a xente a pensar e a liberarse, o nacionalismo ten que enraizarse na Historia. Se ignoramos a República, como fai Rodríguez, estamos a maquillar a realidade. A República, con todos os seus defectos, estaba a consolidar a vía democrática, e ao nacionalismo viríalle ben recuperar eses ideais, esas arelas frustradas, asasinadas, porque se ignoramos a República, ignoramos o fascismo. Galicia é hoxe o que é por corenta anos de fascismo, e xa está aquí outra vez un goberno reaccionario. En Cataluña teñen Esquerra Republicana, por que aquí non hai Galicia Republicana? Como nome, dende logo, é máis bonito que o do BNG!
Tería algunha incidencia electoral?
É unha das razóns da caída. A min paréceme que abrazar a causa republicana é máis nacionalista ca refugar esa parte da Historia. A República camiñaba cara a unha federación de nacións, ou iso era o que querían os galeguistas da altura. Incluso unha federación ibérica con Portugal. Ter ese periodo como parte central do imaxinario nacionalista é esencial para dar unha nova orientación ao proxecto. Dende logo, atraería moita máis xente. Se Xosé Manuel Beiras conseguiu enrolar xentes do PSOE ou de Esquerda Unida no BNG foi en grande medida grazas ao seu republicanismo. Agora esa vía está pechada.

