O Grupo Parlamentario Socialista recibiu onte dun xeito crítico a diagnose do presidente da Xunta sobre os seus primeiros cen días de mandato, especialmente despois de que Alberto Núñez Feijóo identificase un “aumento da liberdade” coa chegada do PPdeG ao Goberno.
En opinión da deputada Carmen Gallego, os cen días da nova Xunta supuxeron “un retroceso de catro anos en materia de dereitos e liberdades” en eidos como a economía, a lingua ou os servizos sociais.
A xuízo de Gallego, Feijóo “evidenciou a demagoxia coa que fixeron oposición e a demagoxia coa que pretenden gobernar” xa que, afirma, o Executivo “defende os intereses duns poucos por riba dos intereses xerais”.
Neste sentido, a ex conselleira censura especialmente a “paralización de iniciativas e proxectos fundamentais para o país polo simple motivo de ter sido postos en marcha” polo bipartito. Esta política, conclúe Gallego, derivou en que, apenas cen días, a cidadanía sufrise un “incumprimento e un recurte de dereitos fundamentais” a respecto da pasada lexislatura.

