O concello de Lugo aprobou unha ambigua moción do PP “a prol da lingua” votada por unanimidade por PSOE, BNG e PP. Iolanda Veloso é a concelleira nacionalista de Normalización Lingüística.
Por que o BNG votou a favor da moción?
O PP pediu articular un modelo que garanta, ao remate das etapas educativas, a igual competencia nas dúas linguas oficiais. Esa sempre foi a postura do BNG, que esixiu que o sistema educativa garantira a igualdade de competencia nas dúas linguas oficiais. Nós sempre dixemos que o primeiro paso para a liberdade lingüística e ter coñecementos.
Está clara a política lingüística do PP?
É o PP, agora que está no goberno, o que recúa na súa política lingüística e están de acordo tamén con que os rapaces teñan igual capacidade nas dúas linguas; e, por suposto nós non nos vamos a opoñer. Ao contrario, felicitámolos por recuar, porque a postura de confrontamento lingüístico da campaña e na oposición non se corresponde con esta postura.
Acusáronnos onte de ter un discurso distinto en Vigo e en Santiago...
O que se dixo en Santiago no Parlamento foi iso, e o que se conseguiu, coa intervención da deputada Carme Adán, foi o compromiso do conselleiro de Educación de artellar un sistema que permitise que os rapaces, ao o rematar o ensino obrigatorio tivesen igual capacidade nas dúas linguas.
Negan polo tanto ese cambio de discurso?
O discurso que cambia é o do PP, está recuando nas súas promesas electorais porque non pode mantelas. A proba é que un colectivo coma Galicia Bilingüe está claramente molesto coa política lingüística do PP, porque agora mesmo non se corresponde co que dicían: a derrogación do decreto que non se produxo, a enquisa da que non sabemos o resultado. Pero ademais dixeron que todos os alumnos ían poder estudar na lingua de elección dos pais e iso implicaría unha segregación lingüística por aulas. Agora o PP di que non vai haber segregación en ningún caso.
Que lle parece que o PP vigués presente esta moción en castelán?
Atopámonos cun concelleiro defendendo políticas de promoción en positivo e fomento da lingua galega falando en español. É claro quen ten a contradición.

