A Mesa Pola Normalización Lingüística estima en 400.000 euros o custe real de todo o proceso que a Consellería de Educación puxo en marcha para levar a cabo a súa enquisa aos pais.
Onte mesmo, o presidente e o vicepresidente desta asociación a prol do galego, Carlos Callón e Francisco Rei, entregaron no rexistro da Xunta de Galicia en Compostela un escrito dirixido ao conselleiro de Educación no cal se reclamaba “que se informe á opinión pública sobre todas as interrogantes de escurantismo e fraude que hai sobre esta pseudoconsulta educativa”.
Callón incidiu en que “unha vez que a consellería admitiu que contratou a dúas empresas externas para realizar este proceso, cuxas funcións están aínda sen clarificar, a nosa asociación estima que o Goberno puido malgastar arredor de 400.000 euros, duplicando o recoñecido polo conselleiro”. Os representantes da Mesa reiteraron que “con este diñeiro poderíanse facer moitas cousas para mellorar o noso sistema educativo”.
E é que, se ben, nas semanas pasadas, o departamento dirixido por Jesús Vázquez aseguraba que o reconto dos datos da enquisa aos pais estaban sendo analizados por técnicos da propia consellería, o pasado luns veu ratificar a teoría da Mesa de que unha empresa era a encargada destas labores. Preguntado pola fiabilidade do ‘reconto’ das consultas, Vázquez respondeu que “o que se fixo foi pasar a consulta por un lector óptico. O sistema está preparado para que ninguén coñeza o resultado ata o remate, salvo a empresa que está a tratar o datos, o que son os resultados”.
Amparándose neste feito, a Mesa Pola Normalización Lingüística pediu onte información “non para nós, senón para toda a opinión pública”, sobre a legalidade do proceso.
O colectivo demanda respostas a preguntas como “por que tardou a Xunta de Galicia cinco semanas en dar a coñecer os datos de participación e cales foron os motivos que levaron a que se ocultase esta cifra por tanto tento”.
Igualmente, ao respecto de contratacións externas para analizar os resultados, a Mesa pregunta “por que motivo se mentiu á opinión pública sobre a contratación desta empresa”.
Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística informou onte que destinará máis de 81.000 euros aos equipos de normalización e dinamización lingüística para fomentar o uso da lingua galega nos centros de ensino privado da comunidade. A existencia destes equipos data do ano 1991.

