A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, mostrou onte a súa satisfacción ao respecto dos resultados do inquérito desenvolvido pola Consellería de Educación. En opinión da dirixente da entidade contraria ás políticas de normalización lingüística, os datos feitos públicos pola Xunta mostran que “os galegos non sintonizaban coa política de imposición” que, dende o seu punto de vista, imperou durante o mandato de PSOE e BNG no Executivo. Para Lago, o decreto que o novo Goberno derrogará “era moi cuestionado pola sociedade”, polo que cómpre que os actuais responsables da Administración educativa da comunidade invaliden a súa aplicación. Do mesmo xeito, e á marxe dos datos anunciados por Anxo Lorenzo, Gloria Lago insiste en que “sexa cal sexa o resultado” do estudo, a súa asociación seguirá a defender “a liberdade para elixir”.
