Renfe anunciou onte que reforzará esta fin de semana con 1.572 prazas os trens de media distancia ante o posible aumento de viaxeiros que se trasladen desde Vigo e A Coruña a Santiago de Compostela para asistir ao concerto que ofrece Bruce Springsteen.
Mañá, a compañía ferroviaria duplicará os trens que parten da Coruña con destino a Santiago ás 17.50 e 18.50 horas, e en Vigo fará o mesmo cos que saian ás 18.15 e ás 18.45 horas.
Está previsto que asistan ao encontro co afamado músico uns 30.000 seguidores, xa que as entradas para esta actuación se esgotaron ao pouco de sair.
Así mesmo, o luns, Renfe ofreceralles aos viaxeiros a posibilidade de dispoñer, a primeira hora da mañá, dun tren con dobre composición ás 05.35 horas con destino á Coruña e outro ás 05.45 horas para Vigo.
Aínda que o reforzo no servicio de trens de media distancia ten como obxectivo atender a demanda que xere o concerto do intérprete norteamericano, tamén Vigo e
A Coruña están en festas esta fin de semana. Namentres a cidade herculina continúa coas de María Pita, en Vigo celebrase mañá a procesión do Cristo da Victoria, un encontro que reúne nesta cidade a centos de miles de devotos.
