O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que o presidente da Xunta “sintoniza coa ideoloxía máis extremista, intolerante e da caverna española do PP”. O líder do Bloque explicou que “Núñez Feijóo defende esa ideoloxía, que sintoniza coa Faes, con José María Aznar, Mayor Oreja e outros dirixentes do PP. O peor é que está disposto a aplicala en Galicia”. Segundo o cabeza da formación frontista “é por este motivo polo que decidiu trasladar a Galicia unha guerra lingüística que o PP está a levar a todos os puntos do Estado”. Segundo Vázquez “o PP defende a España única cun só idioma. Aquí Feijóo está contra o galego, faino con medidas lexislativas e ademais ten a moitos conselleiros que nin o empregan”. Así, cualificou de “disparate” que o presidente galego e o ministro de Fomento, o lucense José Blanco, “empregasen o español a propósito” na firma dun convenio de insfraestruturas. “Non é necesaria semellante exhibición de defensa do español”, dixo.
