Afesta está servida e, as mesas, tamén. Nelas, as botellas de albariño chaman a achegarse a Cambados con motivo da 57 edición da festa do viño. Esta é a fin de semana grande do concello pontevedrés que onte, ademais de mollar padais, deleitou os oídos coa música de Nena Daconte.
Cos cinco sentidos postos en marcha, entra tamén o olor dos pementos de Arnoia, cunha festa inaugurada o venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que dura ata hoxe: a dos pementos de Herbón. E agudizando aínda máis o olfacto, o olor doutro viño, máis barato e mesturado con cola faise ulir desde Pontevedra. As corridas na praza de touros da cidade trae consigo un evento colateral que toma o concello durante dúas fins de semana ao ano: as sonadas peñas.
As festas a rachar e para facer fartar o estómago contaron tamén coa colaboración de Burela e o seu bonito ou de Ponteareas e o seu bacallao, cun protagonismo recoñecido este primeiro sábado de agosto. No caso do bacallao, éste poderá degustarse aínda hoxe na Praza de San Roque.
As gaitas amenizarán durante esta fin de semana a Festa da Carballeira de Zas. Este espazo natural convértese nun auditorio ao aire libre polo que pasan importantes formacións de folk galegas e internacionais.
Na Coruña, o concerto de Pitingo puxo tamén onte as notas musicais a este primeiro día de festas dedicadas a María Pita. O pregoeiro das mesmas foi o humorista e mago Luis Piedrahita. Ademais, onte comezou tamén na Coruña a XXXVIII edición da Feira do Libro, que terá como invitado, entre outros, a Manuel Rivas, e na torre de Hércules reviviuse a Batalla de Elviña 200 anos despois de que tivese lugar.
Máis ao sur, Vigo está en silencio. Son as Festas do Cristo.

