O comité de empresa da produtora Dygra Animacións denunciou nun comunicado que o cadro de persoal formado por 70 persoas “arrastra” impagos de salarios dende hai oito meses. O documento asinado polos representantes dos empregados explica que cada membro do persoal tan só ingresou cantidades que non superan o 5% do total axeitado a cada un dos empregados dende decembro de 2008. Esas “pequenas cantidades” non foron repartidas por igual e o comité de empresa criticou a marxinación coa que se tratou a algúns traballadores, xa que os que se atopaban de baixa “non viron nin un euro”. Por estes motivos, o comité decidiu demandar a empresa por impago. Pola súa banda, a dirección non se presentou aos actos de conciliación.
Estes atrasos poñen en manifesto a delicada situación que atravesa a produtora, que se viu obrigada a presentar un expediente de regulamento de emprego temporal de tres meses o pasado mes de marzo e que finalizou o 13 de xullo. Esa medida afectou á metade dos traballadores mentres que a outra metade seguiu realizando normalmente todos os seus labores sen percibir a correspondente retribución salarial.
MALA XESTIÓN
Os traballadores teñen moi claro quen é a persoa que levou a produtora a delicada situación que atravesa. Para a parte social de empresa, todo é culpa do máximo responsable da produtora, Manuel Gómez. Dúas son as acusacións principais que lle recriminan a Gómez os traballadores: a información enganosa e a contratación dun persoal ao que sabía que non podía pagar. Os representantes consideran que Gómez enviou informacións que levaban a equívoco sobre futuros proxectos que xamais se levaron a cabo e que a dirección intentou recrutar persoal en eventos do sector tendo claro de antemán de que “non poden pagar a ninguén”.
Para os traballadores todo isto deixa claro que o gran problema de Dygra neste momento complicado dende o punto de vista económico vén dado por unha “mala xestión” por parte de Manuel Gómez. Así mesmo indican que a actitude que está a ter no proceso de demanda deixa ao descuberto a “falta de vontade” dos xestores para poñer un punto e final ao conflito laboral. O comité de empresa enviou este comunicado para dar a coñecer os graves problemas de Dygra.

