O número de parados inscritos nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (Inem) en Galicia diminuíu por cuarto mes consecutivo en xullo ao rexistrarse 7.381 desempregados menos que en xuño, cifra un 3,69 por cento inferior á do mes anterior. O total de persoas sen emprego situouse na comunidade galega en 192.859, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Traballo e Inmigración.
En termos interanuais, non obstante, hai na comunidade galega 43.541 parados máis que no mesmo mes do ano pasado, o que supón un incremento do 29,16 por cento. Así, Galicia mantívose como a segunda comunidade na que menos avanzou o desemprego nos últimos doce meses, pois a porcentaxe só foi menor, en termos relativos, en Extremadura, onde aumentou un 27,16 por cento.
No conxunto do Estado, o número de parados rexistrados nas oficinas do Inem baixou en 20.794 persoas en xullo respecto a xuño (-0,6 por cento), rexistrando o seu terceiro descenso mensual consecutivo tras estar 14 meses á alza. O total de desempregados situouse así en 3.544.095 persoas.

