O Consello da Xunta aprobou hoxe os concertos educativos cos centros privados galegos para os próximos catro anos, que supoñen un orzamento de 1.034,5 millóns de euros entre 2009 e 2013.
Segundo informou hoxe a Xunta, estes concertos darán cobertura a Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria, Especial, programas de cualificación profesional e ciclos formativos de grao medio e superior.
O orzamento para os concertos distribuirase en 90,1 millóns este exercicio; 259,1 millóns en cada un dos tres anos seguintes -2010, 2011 e 2012- e 167,1 millóns en 2013. Con estas cantidades, segundo precisou a Administración galega, cubrirase o salario dos docentes, ademais de achegar unha cantidade para gastos como luz, calefacción, material de oficina e persoal de administración e servizos.
A Xunta resaltou que estas asignacións están determinadas nos seus presupostos en base "a recomendacións marcadas polo Ministerio de Educación". O novo concerto educativo cubrirá 255 centros, os mesmos que ata agora con excepción do Nebrija Pardo Bazán das Pontes (A Coruña). Deles, 106 sitúanse na provincia de Pontevedra, 102 na coruñesa, 29 en Ourense, e 18 de Lugo.
UNIDADES
En total, o novo concerto permitirá o funcionamento de 3.853 unidades, das cales 818 son de infantil; 1.643, de primaria; 1.073 de secundaria; 151 de educación especial; 142 de formación profesional; e 26 de programas de cualificación profesional.
A Administración galega recordou que os concertos educativos funcionan con base ao Real Decreto 2377/1985, que establece que "se"renovarán sempre que o centro siga cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación, que non se incorrese en causas de non renovación previstas pola Lei orgánica do dereito á educación e que existan consignacións orzamentarias".
AUXILIARES DE IDIOMAS
Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a consellería do ramo para dotar de auxiliares de conversación as escolas oficiais de idiomas en Galicia. Trátase de 31 auxiliares en total, dos cales 15 serán de lingua inglesa; sete en francés; sete en alemán; e dous en chinés durante o curso 2009-2010.
Deste modo, a Xunta proporcionará unha axuda mensual aos auxiliares de 700 euros para gastos de aloxamento e manutención dende o 1 de outubro de 2009 ata o 31 de maio de 2010. O importe total das axudas será de 173.600 euros.
Cubrirán tamén os gastos sanitarios dos que non dispoñan da tarxeta europea, con importe de 60 euros por auxiliar, o que supón 6.240 euros en total. Ademais, o Ministerio de Educación financiará un curso de acollida para os 31 auxiliares por un importe máximo de 3.500 euros.
Así mesmo, o Consello da Xunta deu hoxe o visto bo á continuidade para o curso 2009-2010 do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e a Fundación do Centro Oncolóxico Rexional de Galicia José Ramón Quiroga e Piñeiro para os ciclos de radioterapia cun importe de 36.000 euros.
A continuidade do convenio establece que a fundación será a responsable da achega de profesorado especializado. Pola súa banda, a consellería faise responsable dos gastos de funcionamento para o desenvolvemento das ensinanzas cun máximo de 36.000 euros de inversión, dos cales 15.000 serían para este ano e 21.000 para o próximo.
Ademais, o Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Daniel Barata Quintás como novo membro do Consello Escolar de Galicia como representante de personalidades de recoñecido prestixio no campo da educación, despois de que a súa antecesora no cargo, María Lourdes Montero Mesa, renunciase o pasado mes de xuño.
Tamén o Consello da Xunta propuxo hoxe a designación de José María Franco García como representante dos intereses sociais no Consello Social da Universidade de Vigo, despois de que o anterior responsable, José María Casas de Ron, renunciase o pasado 26 de xuño.
