O vertedeiro da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), situado na Areosa (Cerceda), comezou a súa actividade en 1996. Trátase da planta máis grande de España, que recibe o lixo da maioría dos municipios de Galicia e os fármacos de todo o Estado, con capacidade para procesar ata 550.000 toneladas anuais de residuos sólidos urbanos. O 51% de Sogama pertence á Xunta, e un 49% a Unión Fenosa. A empresa facturou 90 millóns de euros en 2006, pola xeneración de electricidade e polas taxas que cobra aos concellos clientes.
En 2002 –co goberno do Partido Popular aínda na Xunta–, Sogama asinou un contrato coa empresa Danigal, para que se encargase da xestión da planta da Areosa. Ese mesmo ano, a industria farmacéutica creou o Sistema Integral de Gestión de Residuos (Sigre), unha entidade privada sen ánimo de lucro, financiada pola maioría dos laboratorios españois, que posúe outra planta en Cerceda. Desde o 2003, Sigre, apoiado polos gobernos central e autonómicos, instalou máis de 20.000 puntos de recollida en todo o Estado, para evitar que os medicamentos se mesturen con outros residuos domésticos e contaminen o medio ambiente.
Sigre envía eses envases e os restos dos fármacos a Sogama para obter enerxía. Sen embargo, nos seis últimos anos e medio, eses residuos foron despositados no vertedoiro da Areosa por Danigal, que asegurou que o seu complexo non estaba “preparado tecnicamente” para procesalos. En total, acumuláronse 12.000 toneladas de restos médicos altamente tóxicos. Sigre ameazou con denunciar á subcontrata, xa que era a encargada de queimar os fármacos. Pola súa banda, Sogama declarou que só se encargaba da “xestión” deses residuos.
O pasado mes de xaneiro, Sogama despediu a dous directivos que denunciaran anomalías na empresa, aos que acusou de ter “ocultado” os resultados das analíticas no vertedoiro. En outubro, 3.000 troitas do río Lengüelle morreron a causa dun vertido. E, o pasado día 5, o PSdeG asegurou que en Sogama foron incineradas 400 toneladas de fármacos sen informar aos traballadores da planta dos riscos para a súa saúde. A Xunta respostou que eses fármacos son asimilables a “residuos sólidos urbanos”, e que a súa queima cumpre co ditado pola anterior consellería de Medio Ambiente.

