Ante as duras críticas efectuadas polo PSdeG contra a Xunta de Galicia pola incineración de 400 toneladas de medicamentos na planta de Sogama a pasada semana, a consellería de Medio Ambiente asegura que se cumpriron “todas as garantías sanitarias”. “Axústase á normativa vixente”, explicaron a Xornal dende o departamento que dirixe Agustín Hérnandez. De feito, o Executivo galego lembrou que cando se realizaron esas queimas, achegáronse representantes da Inspección de Traballo e “viron que non había risco” para os traballadores e o medio ambiente. Ademais, a consellería indicou que “cumpre o marco da Autorización Ambiental Integrada”, que fora aprobada pola anterior consellería de Medio Ambiente, que dirixía o socialista Manuel ‘Pachi’ Vázquez, polo que este tipo de lixo é “asimilable a residuos solidos urbanos”. Ademais, ante as críticas da deputada Carmen Gallego, dende a actual Xunta do PP engaden que “habería que preguntarlle ao PSOE se a alternativa de enterrar os medicamentos é mellor”, facendo referencia ás prácticas que viña levando a cabo Sogama nos últimos anos, incumprindo o contrato no que se especificaba que debía tratar este lixo para reutilizalo como fonte enerxética.
