O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, afirmou onte, en referencia a decisión da Xunta de manter as subvencións ao colexios que separan aos alumnos por sexos, que “ten que ver cunha posición política”, polo que non ten “base científica”. Así, aclarou que, se ben hai estudos a favor e en contra deste modelo, “ningún ten a contundencia para ser esgrimido como unha decisión científicamente avalada”.
Gabilondo tamén explicou que existen uns concertos, polo que había que “pedir que se cumpran explícitamente e que se se considera que o que establecen non é adecuado, se reescriban ou se refagan”. Ademais, o ex reitor da Universidade Autónoma de Madrid posicionouse a favor “da educación inclusiva, na diversidade e a diferenza” porque “cando un aprende a vivir en ámbitos multiculturais está máis preparado para a vida real dos cidadáns”, dixo.
Por outra parte, os sindicatos GIG-Ensino, CC OO e STG anunciaron que interpoñerán un recurso contencioso-administrativo contra Educación por considerar que infrinxe a lei ao financiar estes centros, namentras a secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, considerou “intolerable” que se lles manteñan as subvencións.
O Goberno autonómico, pola súa parte, reiterou que “a aprobación dos concertos educativos para os próximos catro anos responde unicamente aos criterios marcados pola lei” e que a orde que deixara aprobada o bipartito, pola que se lles retiraban as axudas, non se podía aplicar.
VINCULADOS AO "OPUS DEI"
CIG-Ensino denunciou que as institucións ás que se lles conceden as axudas están “ligadas ao Opus” e que a decisión contradí a lexislación vixente, a Lei Orgánica do Ensino (LOE), o Decreto 30/2007 e a Orde do 9 de xaneiro. Así, o sindicato tamén lembrou que a concesión dos concertos estaba emitida polas comisións provinciais de valoración, que rexeitaron estes cinco casos. Para a CIG, “é un escándalo” que o diñeiro dos galegos sufrague o ensino de centros privados cun ideario contrario “aos principios de mínimos convivencia social”.
Ademais, critican que se adopte esta medida “nun momento de recortes no ensino público e redución dos servizos, postos de traballo e peche de escolas unitarias”.
Do mesmo xeito, STEG reprochou á Consellería que dea “marcha atrás nos avances recentemente conseguidos en materia coeducativa” e que incumpra a lexislación.
A voceira do BNG definiu a decisión como “un paso atrás” e afirmou que pedirá a comparecencia no Parlamento do conselleiro Jesús Vázquez para que explique “como é posible que, despois de eliminar a gratuidade dos libros, non teña ningún problema en destinar case tres millóns de euros a eses centros”.
A Administración explicou que a decisión está apoiada nun “informe da Asesoría Xurídica” e que a LOE só contempla a supresión dos concertos se se incumpre o acordo.

